Lucía Pérez na X Feira de Artesanía e Etnografía do Incio

Será profeta na súa terra e poñerá a guinda a unha xornada na que os casamentos terán un protagonismo especial.

Lucía Pérez en concerto. Fonte: Lucía Pérez

O domingo 2 de setembro A Cruz do Incio, capitalidade do concello, acolle un novo encontro coa artesanía e a etnografía. A apertura de postos ten lugar ás 11:30 h. e ás 12:30 haberá un pasarúas a cargo da Agrupación de música tradicional “Os Trastiños” e da “Asociación Cultural Abrente das Nogais”. Ao longo da xornada haberá tamén obradoiros, actuacións de música tradicional, radio en directo, teatro, unha interesante exposición fotográfica sobre vodas no Incio e o concerto estelar de Lucía Pérez.

Baixo o título de “Vai de vodas”, este ano quérese facer unha homenaxe a esta celebración familiar de gran transcendencia no imaxinario galego, un evento que se presentou tradicionalmente como un dos capítulos máis importantes da vida. Así, pois, ademais dunha exposición fotográfica sobre casamentos de xente do lugar, durante a tarde haberá unha representación teatral sobre o tema a cargo da Asociación Cultural Abrente das Nogais, reparto de rosca de voda, brindos e baile con homenaxe final aos matrimonios de ouro do Incio.

Durante toda a xornada os asistentes poderán gozar de obradoiros artesanais de instrumentos musicais, cestaría e confección de traxes, refaixos e faldriqueiras. E para os amantes da sidra degustación de balde na caseta do concello.

A cantante Lucía Pérez, orixinaria do Incio, será a encargada de poñer a guinda a esta interesante xornada cun concerto que comezará ás 20.00 h.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here