Outubro para celebrar o Día das Bibliotecas no Saviñao

Venres de obradoiros e contacontos na biblioteca do concello do Saviñao para celebrar durante este mes de outubro o Día das Bibliotecas.

Desenvolvemento da actividade na Biblioteca Municipal do Saviñao. Foto: Mónica Carballo

A primeira actividade será este venres, 8 de outubro, a partir das 18.00 con sesión de contacontos cos autores Dani Viéitez e Iria Iglesias: Álex quere ser coma papá: que reflexa a loita contra os estereotipos e a desigualdade. Ás veces a Álex dinlle que non son axeitadas as cousas que fai. A través de Álex debaterase c@s cativ@s, exemplificando distintas situacións que loitan contra os estereotipos.

Ao venres seguinte, o día 15 de outubro a partir das 18.00 contarase cun obradoiro de Hermanager Producións, Deixa o móbil e debuxa: un obradoiro de iniciación sobre ilustración e banda deseñada no que os participantes farán debuxos, algunhas viñetas e/ou tiras cómicas en común e para rematar facendo cadaquén a súa.

Rematarase o venres, 22 de outubro, ás 18 cun obradoiro coa escritora Andrea Barreira: Terroríficas, historias de terror, no que a autora achega á literatura de terror a diversos públicos a través da lectura e da escritura. O obradoiro consta de dúas partes que combinan teoría e práctica: un repaso de distintas escritoras, do pasado ao presente, que traballaron o xénero do terror e a escritura dun relato de terror poñendo en práctica o visto no punto anterior.

Aplicaranse as medidas Covid establecidas para actividades culturais, polo que as prazas serán limitadas e deberán reservarse para cada actividade presencialmente na biblioteca ou no teléfono 982452324 en horario de 10 a 13:30 ou de 16:30 a 19:30. Pode ampliarse a información sobre estas actividades neste enlace do blog da biblioteca. A información irase ampliando na conta de Twitter da biblioteca.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here