Moito ollo co Meco da Ermida!

Os días 8 e 9 de setembro esta figura ancestral, acompañado das Pampórnigas, será o centro de atención da romaría da Virxe dos Remedios na Ermida, no concello de Quiroga.

O Meco da Ermida / Foto: Xosé Manuel

As festas da parroquia da Ermida comezaron o venres e terán continuidade ata o domingo sendo de gran interese etnográfico e turístico a Romaría dos Remedios que ten lugar cada ano os días 8 e 9 de setembro. Ás 13:00 h. comeza a tradicional procesión na honra á Virxe dos Remedios polas rúas da Ermida, encabezada polo Meco e as Pampórnigas e acompañada por gaiteiros do lugar. O Meco é unha figura que disque representa ao Demo e as Pampórnigas son dous xigantes, non cabezudos, que representan a un home e a unha muller.

Segundo nos conta Amparo Montenegro, presidenta da Asociación Rural Souto do Val, dende a constitución desta entidade traballan pola recuperación da historia, cultura e tradicións do lugar e en particular da ancestral Danza do Meco e as Pampórnigas que é o acompañamento na procesión que acabamos de comentar.

As Pampórnigas diante da Igrexa da Ermida / Foto: Amparo

Tamén nos relata que no outeiro onde hoxe está a Igrexa, edificio relixioso que data do século XVII e lugar onde remata a procesión, antigamente houbo un castro e posteriormente un templo relixioso que quizais fose anterior ao século V. Seica foi xusto neste lugar onde un veciño atopou a imaxe actual da Virxe dos Remedios, entre as ruínas do devandito templo, e por ese motivo as autoridades eclesiásticas da época decidiron erguer a actual igrexa e facer cada ano a procesión na súa honra.

Ao rematar a procesión e a misa, e como se trata dunha romaría, os asistentes quedan no campo da festa a xantar e despois xa á festa. Antigamente viñan en carros ou como podían, traían a comida para o xantar e xuntábanse por familias ou por amizades para continuar a xornada festiva pola noite co baile. Actualmente mantense esa tradición coa construción provisional de casetas ou pendellos e xuntándose por familias ou por calquera outro vínculo ou afinidade para comer de campo, confraternizar e festexar.

A figura do Meco

O Meco disque representa o Demo. Vai todo vestido de vermello, leva unha máscara de madeira, un complemento de tea e recheo que lle cubre cabeza e caluga (coñecido como “molida”) e unha vasoira de toxos. De cando en vez tamén usa unhas castañolas para facer ruído e advertir da súa presenza.

Amparo Montenegro afirma que a máscara máis antiga do Meco data do século XVII e que a través da asociación foi restaurada no ano 2010.

Como comentamos, a súa función é abrir camiño á procesión ata a chegada da Virxe dos Remedios á Igrexa da Ermida. Xa alí, queda fóra e segundo a hipótese máis seguida, tamén ten o cometido de distraer aos fregueses para que non asistan ao acto relixioso. Acabada a procesión, os romeiros chegan á igrexa e entran para prestar atención á misa, pois ben, nese momento o Meco queda no adro entretendo e distraendo aos que poida e se deixen para que non participen na homilía. Todo apunta a que poda tratarse dun rito pagán que actualmente convive co cristián. pero hai tamén discrepancias nesta interpretación.

En calquera caso, o Meco entretén á xente que queda no adro e os asistentes participan dunha sorte de xogo no que lle tiran moedas ao chan para que se agoche a collelas e aproveitar este intre para vacilalo e pegarlle losqueadas na caluga. O Meco leva unha “molida” para amortecer os golpes e deféndese como pode co pau de toxos contra aqueles que se queren mofar del.

Vestindo ao Meco / Foto: Amparo

Esta figura vén sendo representada sempre por un home e da mesma familia desde que se coñece, pasando logo de xeración en xeración. Amparo comenta que este tema está creando debate e xa se fala da posibilidade de que faga de Meco calquera outra persoa, e que poida ser home ou muller.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here