A historia e o patrimonio de Lemos namora en toda Galicia

Máis de 120 persoas de todos os recunchos do País coñeceron o patrimonio e a historia de Sober, Monforte e Pobra do Brollón nas andainas do proxecto Rutas de Historia.

Parte do grupo da andaina de Rutas de Historia no Canón do Sil / RdH

O val de Lemos foi o epicentro do ciclismo galego este domingo. Pero tamén, foi o centro do turismo cultural e patrimonial grazas ao proxecto Rutas de Historia que trouxo a Sober, Monforte de Lemos e Pobra do Brollón a máis de 120 persoas de todos os recunchos de Galicia para coñecer a historia e o patrimonio de toda a comarca.

Visitantes dos catro recunchos de Galicia -desde Tomiño a Verín pasando por Vigo, A Coruña, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Ourense ou Crecente– participaron nas dúas andainas que se celebraron esta fin de semana dentro desta iniciativa histórico-cultural; “As pegadas prehistóricas, románicas e etnográficas no Canón do Sil” e “Polas terras irredentas de Lemos: A ultima gran batalla dos guerrilleiros en Galicia”.

Na primeira das rutas, que tivo lugar este sábado participaron case 70 persoas. A andaina, que comezou na Igrexa de San Vizenzo de Pinal, en Sober, percorreu o Agro das Mámoas, o Petróglifo do Preguiceiro, a Casa Grande de Veliños, a Igrexa de Lobios (románico tardío), o Souto de Lobios, a Capela da Raíña dos Anxos, oPetróglifos de Sampil (3 conxuntos), o Petróglifo do Val da Raña, os Cruceiros de Pinol, Santiorxo e Lobios e o Miradoiro de Santiorxo, no canón do Sil. O roteiro foi guiado por Paula Vázquez Verao, integrante do Colado do Vento.

Parte do grupo da andaina de Rutas de Historia na casa onde tivo lugar a batalla de Repil / RdH

Xa o domingo, tivo lugar unha nova andaina, desta volta, entre as parroquias de Chavaga, en Monforte, e Cereixa, na Pobra do Brollón. Nela participaron preto de medio cento de persoas que coñeceron os pormenores da batalla de Repil, na casa de Chavaga onde tivo lugar este enfrontamento entre guerrilleiros e Garda Civil en 1949. Este roteiro rematou no Castro de San Lourenzo onde se está a levar a cabo un proxecto de Arqueoloxía en Comunidade. O historiador Xosé Gago foi o guía nesta interesante visita.

Estas máis de 120 persoas comeron en restaurantes da zona e case medio cento deles tamén elixiron establecementos da comarca para aloxarse estes días e mesmo asistiron o sábado pola noite ao festival As Cores do Outono, que ten lugar na Pobra do Brollón.

Valorización da historia e do patrimonio

A recuperación do patrimonio oculto que atesoura Galicia é a base do proxecto Rutas de Historia (www.rutasdehistoria.com) que puxo en marcha a súa segunda xeira de roteiros históricos por toda Galicia para concienciar á sociedade galega da importancia que ten a súa historia e o seu patrimonio. Uns roteiros que queren servir para fixar na poboación a idea de que as pedras, os vellos mosteiros, castelos e castros, ou as lendas de mouros e reis teñen unha importancia cultural e natural fundamental para entender a idiosincrasia de Galicia.

Neste sentido, Rutas de Historia, ten previsto a realización de oito andainas históricas polas catro provincias galegas, delas, cinco na provincia de Lugo. A idea é fixar na poboación que a historia e o patrimonio tamén poden ser riqueza para un país. As rutas previstas abarcan varios períodos históricos; desde o neolítico ata a época contemporánea. O seguinte roteiro será no Pedregal de Esteiro, en Muros.

Participantes no proxecto Rutas de Historia na igrexa de Lobios

Na realización destas andainas, que están coordinadas polo portal www.historiadegalicia.gal e que contan co soporte de Abanca e da Deputación de Lugo, colaboran representantes de importantes entidades de defensa do patrimonio como Mariña Patrimonio, Patrimonio Galego, Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Patrimonio dos Ancares, o Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, o Colado do Vento, a Asociación María Castaña ou o Colectivo Capitán Gosende.

Así, entre os guías destas andainas estarán Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio; Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Manuel Gago, director de Cultura Galega e investigador; Elixio Vieites, investigador e membro de Patrimonio Galego; Xabier Moure, presidente de Patrimonio dos Ancares; Paula Vázquez Verao, do Colado do Vento ou Xurxo Ayán e Xosé Gago do Proxecto Arqueolóxico do Castro de San Lourenzo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here