‘Sarria Blues no Camiño’: actividades e concertos arredor da música afroamericana

Do 4 ao 7 de agosto a vila de Sarria acollerá 12 artistas e bandas de músicas afroamericanas chegadas de todo o mundo para participar nun ambicioso festival que contará cunha ampla e variada axenda de actividades paralelas. Falamos con Manolo Poy, un dos impulsores e organizadores do evento.

Blue & Blues Sebastopol. Foto cedida ao Festival Sarria Blues no Camiño

O ‘Sarria Blues no Camiño’ nace, segundo nos conta o sarriao Manolo Poy, a partir da homenaxe que se lle fixo ao polifacético artista local Matías Moreno o pasado 2021 en Sarria. Este “mestre de moitos músicos de Sarria”, refire Poy, finou en Canarias nun accidente de tráfico no 2020 e o pasado ano fíxoselle unha homenaxe cunhas xornadas que se bautizaron como “Matías Moreno Experience”. O evento, no que houbo concertos e diferentes actividades, foi un éxito e o concello, pensando que podería ter continuidade, propúxolles a Manolo Poy e Víctor que organizasen un festival de música. O “Sarria Blues” comezaba a xermolar.

Con este encargo, Poy e Víctor puxéronse a traballar en representación da Asociación Teixo –organizadora xunto co Concello de Sarria– durante todo o ano para ir dándolle forma e contidos a este festival. Manolo Poy recoñece que nunca se vira na organización dun festival como este e que o esforzo foi moi grande. Conta tamén que o contacto cos grupos que conforman a programación non foi precisamente o máis difícil por ser coñecedor deste mundiño dende hai moitos anos e ter unha dilatada traxectoria como escritor especializado en temática musical.

O máis complicado, explica, foi a loxística. A ocupación masiva de Sarria e contorna nestas datas, sumado isto ao Xacobeo, puxo algunhas dificultades ao traballo de atopar aloxamento e poder encaixar tamén as viaxes dos artistas.

En calquera caso, no desenvolvemento da programación con Víctor, agradece a implicación total do Concello de Sarria. “Tiveron unha absoluta confianza en nós deixándonos traballar ao noso criterio e con total liberdade creativa”, di Poy. E tamén, como non, traslada o agradecemento aos músicos e músicas de Sarria, a outros festivais amigos e ás asociacións da vila polo seu apoio e colaboración.

Manolo Poy e Vìctor. Foto: M.P.

“Tiveron unha absoluta confianza en nós deixándonos traballar ao noso criterio e con total liberdade creativa” (Manolo Poy)

E así foi como xurdiu o “Sarria Blues no Camiño”, evento que estes días terá lugar en Sarria convertendo á vila nun dos referentes das músicas afroamericanas este verán en Galicia.

PROGRAMACIÓN ‘SARRIA BLUES NO CAMIÑO’

Os obxectivos principais da organización deste festival son dous: crear un festival no que se descentralicen os escenarios e amosar a cultura que hai arredor do Blues.

Neste senso, Manolo Poy dinos que, en sintonía con Víctor, “unha das ideas para desenvolver o festival é facer chegar a música en directo ao maior número de veciñas e veciños”. Con esta intención, de descentralizar as actuacións, buscáronse diferentes localizacións e tamén se pensou en facer concertos itinerantes para chegar na medida do posible a todos os recantos da vila de Sarria. Cada día, e en distintos escenarios, poderase gozar da música afroamericana en lugares como o Campo da Feira, a Feculera, a Sociedade La Unión, a Praza de Juan María López, a Igrexa de Santa Mariña, a illa do Muíño do Toleiro ou a Rúa Maior. E como non, tamén se levarán actuacións á Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme.

Unha das ideas para desenvolver o festival é facer chegar a música en directo ao maior número de veciñas e veciños” (Manolo Poy)

E no que respecta ás actividades paralelas, e co obxectivo de dar a coñecer a cultura afroamericana, preséntase un abano amplo delas: Proxección dun documental, presentación dun libro de gastronomía afroamericana “Comer y cantar” de Héctor Martínez, unha exposición de arte no antigo Cárcere –onde estará presente a fotografía, o gravado e a pintura–, exposición de coches antigos –Club Clásicos de Sarria–, arte urbano coa elaboración dun mural dedicado aos músicos afroamericanos, un contacontos, e incluso unha batalla de galos (hip-hop). “O hip-hop é o tataraneto do Blues”, comenta Poy cun sorriso para contextualizar esta novidosa actividade.

Para premiar a implicación do comercio local, a organización convida a que na visita aos establecementos de Sarria se valore a ambientación dos escaparates e do persoal coa temática do festival. Animan a contar esa experiencia no mail concurso@sarriabluesnocamino.es porque a mellor ambientación terá como premio unha cea no Restaurante O Recuncho e entre os participantes que comenten sortearanse bonos de 50 € para consumir nos comercios da asociación de comerciantes Centro Comercial Urbano Sarria – ACES. Coa mesma mecánica, e para dinamizar a hostalería, tamén se convida á participación para valorar a “Mellor tapa” consumida os días do festival.

No que respecta ás actuacións musicais, o nivel e calidade dos participantes é espectacular. Por Sarria pasarán artistas forasteiros como, por exemplo, o músico francés Sebastopol, Hernán Senra ‘Chino’, The Lazy Jumpers, Sweet Marta & Johnny Big Stone, Wax & Boogie, Blas Picón & Óscar Rabadán, Andhrea & The Blck Cats ou Bike & Lonesome. E grupos locais como Malditos Roedores ou Louband.

No que respecta ás actuacións musicais, o nivel e calidade dos participantes é espectacular

O concerto principal, que se presentará como unha “homenaxe a Matías Moreno e tamén como celebración á vida”, será o sábado 6 de agosto cun cartel espectacular. Actuarán Néstor Pardo Trío e Vanessa Collier ás 22:00 na Feculera.

Vanessa Collier. Foto cedida a ‘Sarria Blues no Camiño’

O programa completo destes 4 días está na páxina web do Concello de Sarria.

MANUEL LÓPEZ POY

Manolo Poy é un xornalista e escritor sarriao que tras rematar a carreira de xornalismo en Madrid estivo por diferentes cidades ata recalar en Barcelona, lugar onde ten o seu campo base, iso si, compartido con Sarria.

O seu amor polo blues venlle tras unha viaxe a EE.UU. hai uns 30 anos e dende aquela non deixou de investigar e divulgar sobre o tema. É socio fundador da Societat de Blues de Barcelona e director do Anuario do Blues. Como escritor ten 4 obras publicadas sobre este xénero musical.

Nesta faceta como escritor ten moita produción literaria no eido musical, con interesantes biografías sobre músicos como Bob Dylan, Pink Floyd ou a recente de Elvis Presley. Tamén nos conta que é guionista de comics e de documentais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here