Este 5 de agosto, Juan Labaredas presenta De Visu en Francos de Proendos

A Libraría da Proencia, xunto con Peruchela Edicións, presenta o poemario de Juan Labaredas, De Visu, este venres, 5 de agosto, en Francos de Proendos.

Libraría da Proencia

A presentación será nun espazo da aldea de Francos, na parroquia de Proendos, grazas á colaboración veciñal, a carón de vivendas particulares, cerca dunha fonte do lugar, no lugar da Fonte.

O acto terá lugar ás 20:30 horas, con presentación do autor, lectura de poemas, proxección de fotografías de Francos de Proendos – actuais e antigas – e un remate cun viño e pinchos.

Facer esta presentación en Francos de Proendos, unha pequena aldea do Concello de Sober, ten de especial que é o lugar da infancia de Juan Labaredas, nado aquí en 1968 aínda que a súa vida transcorreu en Monforte e Quiroga.

De Visu é o primeiro poemario de Juan Labaredas, editado en 2021 por Peruchela Edicións. En palabras do autor, De Visu, Ese Enigma Inalcanzable, recolle “a realidade a ollos vista, unha realidade cotiá, convertíndose en inspiración, na esencia mesma que deriva dunha forma resultante de pensamentos, vivencias e sensacións; todas elas relacionadas infinitamente”.

Coma toda poesía, pode dicirnos moito de nós mesmos e busca precisamente esa reflexión, na que a persoa lectora ten a última palabra. No encontro tamén se afondará na relación da obra coa infancia e o territorio.

Este libro é un conxunto de “instantes apresados” que queremos debullar nun entorno tan familar e próximo para o autor e compartindo coa propia comunidade da aldea, “nunha terra familiar e húmida feliz cun soño constante de piedade e tenrura”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here