O pracer de escoitar un bo concerto acústico

Os músicos Andrés Montes e Tato López actuarán en Monforte e no Saviñao.

Andrés Montes / Cartel Garden Monforte

O Garden de Monforte, local que está apostando polas actuacións en directo na cidade do Cabe, acolle este venres día 19 ás 23.45 h. un concerto en acústico do popular Andrés Montes, carismático vocalista da formación pop-rock Gin Toni’s.

Andrés Montes leva na música 26 anos nos que pasou por diversas formacións de estilos moi diversos; desde Noite Pecha (versións), Eclipse, Nova Madrugada e Bohemia (orquestras), Matiz (rumba), Nus (folk), CastroyMontes (dúo de versións do mellor pop español) ata chegar ao éxito das versións pop-rock coa formación Gin Toni’s. Tocou durante a súa traxectoria o baixo ata que en CastroyMontes empezou a cantar e tocar a guitarra.

E xa o sábado 20 poderemos gozar doutro excepcional músico, Tato López. Nesta ocasión será no Círculo Saviñao de Escairón ás 23.00 h. O músico, madrileño de nacemento pero galego de adopción, aproveitará a ocasión para presentar o seu disco “Más allá de las palabras”.

“Más allá de las palabras” é un traballo que pretende remover a nosa imaxinación poñendo en valor a palabra e a poesía coa fusión de estilos que caracteriza a este músico. Tato López reivindica o esencial da trova, con ledicia e frescura, rescatando a poesía e a boa música do caixón do esquecemento. Nas diferentes cancións que compoñen o disco hai varias atmósferas e ritmos, con letras que van do máis íntimo ao social con moita denuncia pero tamén esperanza. Un concerto para escoitar, sentir, reflexionar e deixarse levar…

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here