A Pobra do Brollón aproveita o outono para promocionar os seus recursos

O concello da Pobra do Brollón comeza este mes de outubro dous ciclos de actividades para divulgar o seu patrimonio, as andainas outonizas, Camiñando da man de… e as visitas outonizas.

Ruta San Vitoiro / Concello da Pobra do Brollón

Este domingo, día 21 de outubro desenvólvese a primeira andaina outoniza que organiza o concello da Pobra do Brollón. Camiñando da man de Hortensia, filla de Toño da Teixeira é unha andaina que terá como protagonistas As  Penas do San Vitoiro. O punto de encontro dos participantes será ás 10.00 da mañá na Capela do San Vitoiro. Farase un percorrido circular de 8 quilómetros e dificultade media que rematará ao dedor das 13.30 no San Vitoiro para gozar dun taquete campestre entre os participantes. A ruta destaca polas fermosas vistas e porque estará guiada por unha grande coñecedora da contorna. Para participar é necesario chamar ao teléfono 666 435 832. A actividade ten un prezo de 5 euros.

As andainas outonizas da Pobra do Brollón terán lugar todos os domingos ata o 2 de decembro. O resto das propostas “Camiñando da man de…” pódense consultar en Xornal de Lemos.

Como complemento ás Andainas Outonizas, o concello organiza tamén as Visitas Outonizas que se desenvolverán todos os sábados desde o 27  deste mes de outubro e ata o 2 de decembro.

Cova das Choias será un dos recursos elixidos para estas visitas. As saídas serán ás 11:00h dende diante do Concello. O outro recurso é o Castro de San Lourenzo. Ás 16:00h comezará esta visita que ten saída ao carón do cartel ao pé do propio Castro en Cereixa. O día 10 de novembro a visita ao castro será substituída por unha visita á casa de Repil. Para participar é necesario chamar ao teléfono 666 435 832

Concello da Pobra do Brollón

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here