O ‘Castañazo Rock’ coida a canteira e rexeita a violencia machista

O festival é xa un referente do seu xénero no calendario de outono en Galicia e cada ano organízanse actividades paralelas, algunhas delas pensando na cativada.

Imaxe gráfica do Castañazo Rock. Fonte: Asociación Castanhazo Rock

Chantada vive dende onte un gran ambiente, as zonas de acampada están cheas de xente e as rúas da vila moito máis transitadas que de costume. O evento move moita xente, amantes do rock que teñen xa esta cita anotada no calendario para vir gozar dos concertos e coincidir con amigas/os.

E pensando na continuidade do “Castañazo” a organización cre que é moi importante coidar a canteira, o futuro público deste festival. Segundo comentaba Ana Gay para Televinte de Chantada, este evento é moi esperado cada ano en Chantada polo ambiente de festa e pola economía que move nesta fin de semana. E engadía “o Castañazo chegou onde está porque xente coma min vivímolo dende pequenas porque nolo contaban os nosos irmáns e despois tamén porque empeamos a participar xa na organización”.

As actividades do “Castañazo infantil” comezaron xa o pasado 30 de outubro cun obradoiro de regueifa e improvisación para os rapaces de sexto de primaria do CEIP de Chantada e teñen continuidade hoxe día 3 a partir das 12:00 h. no Auditorio Municipal.

Así, logo, a partir das 12:00 h. haberá un concerto de combos infantís e xuvenil de música moderna da Casa da Música de Chantada e a continuación actuarán A Run Run. A proposta destes últimos consiste nunha ‘pinchada cativa teatralizada’ baixo o título de “Déixalle ao Dillei”; un espectáculo orixinal e dinámico que combina o teatro e a música, moi recomendable para público familiar.

Concertos no Mercado Gandeiro de Chantada, ano 2017. Fonte: Riot Propaganda

Como continuación ao programa do Castañazo Rock, a partir das 15.00 h. haberá Cantos de Taberna e sobre as 19:00 pasarrúas xa dirección ao mercado gandeiro onte terá lugar a segunda rolda de concertos dende as 21:00 horas da noite. Actuarán Boikot, Smoking Souls, Zoo, Dakidarria, N.O.H.A. e Raiba.

O Castañazo Rock ten ademais un “Punto Lila” xestionado pola Asociación Polamiúda que velará para que non haxa lugar a ningún tipo de violencia machista e advirte que as agresións machistas graves e a reiteración das leves será motivo de expulsión do recinto do Festival.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here