InicioCulturaPropostas teatrais para as tardes frías de outono

Propostas teatrais para as tardes frías de outono

O teatro, xa sexa profesional ou afeccionado, cada vez ten máis presenza nas axendas culturais dos concellos do sur de Lugo.

Publicado o

- Advertisement -

Mofa e Befa presentan Cranios Privilexiados ou crítica da razón perralleira este xoves, día 8, no edificio multiusos de Monforte. A cita que forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios será a partir das 20.15 horas. A entrada será de 5€, 3€ para estudantes, desempregado e xubilados.

Trátase dun novo espectáculo de Mofa e Befa, dirixido por Carlos Santiago, que pretende volver ás orixes, á procura da raíz do impulso cómico que animou a carreira destas dúas luminarias do xitanismo ilustrado. Por primeira vez nun espectáculo de Mofa e Befa, o biombo será abatido pola transparencia, presentado na súa esencia como simple marco conceptual. Desaparece así a fronteira entre o mundo das aparencias, o espazo onde a acción cómica ten lugar, e o mundo da verdade, o espazo invisíbel onde os actores se maquillan e perfilan aquilo ao que Diderot chamou o paradoxo do comediante.

O diálogo filosófico, xénero referencial do espectáculo, fornecerá unha galería de personaxes aos que lle darán vida os actores Josito Porto e Víctor Mosqueira. Dende filósofos históricos como Sócrates, Pitágoras, Kant ou Nietzsche, até filósofos descoñecidos como Polemón, o máis grande filósofo galego de todos os tempos, e que curiosamente é o pai de Mofa e Befa.

Cartel obra “Cranios privilexiados ou crítica da razón perralleira”.

E de Monforte pasamos á Pobra do Brollón onde o sábado 10 na Casa da Cultura Olga Novo a compañía Avelaíña Teatro porá en escena “A Lola” ás 20:00 h. “A Lola” son todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista. O relato xoga co presente (mediados dos sesenta) e o pasado (anos da Segunda República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936).

A súa trama está determinada polo que se denomina “pasado non ausente”, ou sexa, polo feito de que o sucedido nos anos da represión posterior ao golpe segue a determinar as vidas e as condutas de varias xeracións, porque o silencio sobre aqueles feitos impide a superación do trauma. A entrada é de balde.

E xa para o 11 de novembro temos outra opción interesante, neste caso no Concello de Pantón. O grupo de teatro Muxicas representará ás 18:00 h. no Salón de Actos do Edificio Sociocultural a obra “O inspector”. Entrada de balde ata encher aforo.

O grupo de teatro Muxicas é un colectivo artístico formado na súa maioría por actrices e actores invidentes ou cun problema visual grave. Impulsado pola delegación da ONCE en Ourense, leva case 20 anos facendo posible que persoas con estas características poidan achegarse con moita profesionalidade, con rigor e compromiso artístico a un mundo, paradóxicamente tan visual, como é o da Arte Dramática.

A unha localidade gobernada por uns políticos corruptos ata a medula chega a nova de que na cidade apareceu un inspector do goberno para realizar unha auditoría sobre as contas públicas e elaborar un estudio sobre a limpeza das prácticas políticas dos seus dirixentes. Ante esta situación, os gobernantes entran en pánico, procedendo á destrucción de todas as probas que os poidan comprometer. Comezará así unha espiral descendente de sumisión cara ese inspector, ofrecéndolle todo tipo de agasallos e subornos, chegando a límites insospeitados de tolemia e indignidade.

O Inspector é unha comedia de ritmo frenético, onde dez actores, na súa maioría invidentes ou con problemas visuais graves dan vida nas táboas ao clásico texto de Nikolai Gogol, versionado e dirixido para esta ocasión por Tito Asorey.

 

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...