Monólogos e teatro para esta fin de semana

O actor e humorista Víctor Grande trae un espectáculo de humor a Monforte este venres mentres que Ribas de Sil e Sober programan dúas obras de teatro para o sábado.

Víctor Grande. Foto: VG

Este venres ás 23:00 h. o local Garden trae un monólogo a Monforte de Lemos e farao da man do cómico coruñés Víctor Grande.

Grande ten xa unha dilatada traxectoria nos escenarios cos seus shows de monólogos e cancións satíricas coa guitarra. Ademais é o coordinador das seccións de humor de Radio Coruña Cadena SER, ten unha compañía de improvisación teatral xunto a outros cómicos galegos e imparte formación a empresas no eido da comunicación, narrativa e guión.

Os seus espectáculos son frescos, con humor adaptado a todo tipo de público adulto e, se a ocasión o precisa, pode crear textos adaptados a un evento concreto. Gústalle interactuar e xogar co público e as súas dotes para improvisar fan deste artista un presentador e mestre de cerimonias moi solvente.

E non distanciándonos moito deste formato pasamos ao teatro, tan recorrido para épocas como a do outono. Neste caso os concellos de Ribas de Sil e de Sober organizan para este sábado 17 sendas representacións teatrais dentro do Ciclo Buxiganga da Deputación de Lugo.

No caso de Ribas de Sil está programada a obra “Matías está tolo” para as 19:00 h. no Salón de Acto do Concello en San Clodio.

Trátase dunha comedia da Compañía Pico do Castro na que a continua entrada e saída de personaxes, as situación disparatadas e os enredos, garanten as risas e diversión do público. A obra está indicada para maiores de 14 anos.

E xa en Sober, o mesmo día pero ás 19.30 h. o Grupo de teatro Down Lugo representa no Centro Sociocultural a obra “Soño dunha noite de verán”, indicada para todos os públicos.

Trátase dun enredo amoroso. Demetrio e Lisandro queren a Hernia. Ela só ten ollos para Lisandro, pero o pai dela só acepta a Demetrio. A súa amiga Helena ama a Demetrio, pero este amor non é correspondido…

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here