InicioCulturaAxenda cultural para a fin de semana

Axenda cultural para a fin de semana

Fin de semana con gran actividade cultural na Ribeira Sacra. Moito teatro, música, unha interesante actividade relacionada coa ilustración e os valores para os máis pequenos e camiñada por terras da Pobra do Brollón.

Publicado o

- Advertisement -

O concello de Sarria ofrece 2 interesantes eventos culturais para esta fin de semana. O sábado, a Banda de Música de Sarria e a Coral Polifónica do concello ofrecen o “Concerto de Santa Cecilia” na Igrexa da Nosa Señora do Rosario ás 20:00 h. e o domingo 25 hai teatro na Casa da Cultura. Ás 19:00 h. a compañía local Hipócrita Teatro representa a obra “Hotel Desencanto”, unha peza de teatro contemporáneo que mestura comedia, drama e suspense.

En Monforte, e para os máis pequenos, a Libraría Agrasar de Monforte presenta un obradoiro de debuxo para este sábado 24 de novembro. A actividade, baixo o título de ¿A manchas o a rayas?, será ás 12:00 h. e impartido por Estefanía Padullés, autora de orixe catalá afincada en Paradela dende hai varios anos. A partir do libro co mesmo título que acaba de editar a coruñesa Hércules Ediciones, este obradoiro pretende introducir aos nenos/as no mundo da ilustración e aprender e respectar a diferenza. Sen saír da cidade do Cabe, este mesmo día ás 20.00 h. e dentro do Programa Buxiganga de teatro afeccionado impulsado pola Deputación de Lugo, está programada a obra “Os intereses creados” a cargo da asociación de teatro monfortino Teatreir@s. Trátase dunha adaptación da obra homónima de Jacinto Benavente, baseada na Comedia Dell’Arte italiana e representarase na Casa da Cultura Lois Pereiro. Entrada libre nos dous casos.

Outras interesantes propostas para os amantes da música.  A Escola Municipal de Música de Sober ofrece no Centro Sociocultural da localidade unha xornada musical dedicada a Santa Icía, patroa dos músicos/as, o sábado. A xornada empeza ás 11:00 h. coa actividade ‘Música na pantalla’, continúa ás 12:00 h. cunha ‘Ginkana Musical’ con agasallos para os participantes e premios aos gañadores, e remata ás 13:30 h. cun xantar no Restaurante O’ Xugo. E no concello de Chantada, tamén honrando a Santa Icía, ás 19:00 h. a Banda infantil e a Banda de Música de Chantada ofrecerán un concerto no Auditorio Municipal.

O concello de Bóveda ofrece este sábado a obra de teatro “Tren a Nápoles” a cargo do grupo Unidade de Ozono de Pol e dentro do programa Buxiganga. Será ás 18:00 h. no Centro Sociocultural, entrada de balde e indicada para todos os públicos.

No Auditorio Municipal de Quiroga, o sábado 24 ás 19:00 h., terá lugar a obra de teatro “Farsa Plautina” a cargo do grupo de teatro “Os Trocos” tamén dentro do Programa Buxiganga que promove a Deputación de Lugo. Esta obra tivera que adiarse semanas atrás.

No Concello de Pantón o domingo 25 a compañía Lucecús Teatro representa no Salón de Actos do Centro Sociocultural a obra “A verdadeira historia de Manuel de Paderna”. Será ás 18:00 h. con entrada de balde.

E para os afeccionados/as do sendeirismo o concello da Pobra do Brollón organiza este domingo 25 de novembro, dentro do Ciclo de Andainas Outonizas, “Camiñando da man de Puri de Vilachá”.

A saída será ás 10.00 da mañá das adegas de Vilachá. Farase un percorrido liñal de 8 quilómetros que rematará en Parada do Lor.  Andaina de dificultade media nun tramo do PR 157 Doade-Augasmestas. A camiñada transcorre entre os viñedos de Vilachá para coñecer algo máis sobre a viticultura e a historia desta zona do municipio bañada polo Sil. Rematarase ás 12.30 cun taquete e uns viños. A actividade ten un prezo de 5 euros, sendo necesario inscribirse no 666 435 832.

 

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...