A veciña Castro Caldelas queima os ‘fachós’

Esta localidade da Ribeira Sacra, moi relacionada economicamente co sur de Lugo, celebra este sábado 19 a súa tradicional 'Festa dos Fachós'. Unha romería de lume con posibles orixes celtas que atrae cada ano a máis visitantes.

A alcaldesa prendendo o 'gran fachón'. Foto: Xosé Manuel

O Concello de Castro Caldelas está de festa esta fin de semana. O domingo é o día do seu patrón, San Sebastián, pero antes ten lugar esta esperada celebración ancestral á que asiste xente de toda Galicia.

O sábado, entre lusco e fusco e tras o estourido dun foguete, comeza unha procesión de fachós prendidos con lume que percorren o casco vello de Castro Caldelas. Un gran fachón, que este ano superará os 40 metros de lonxitude, encabezado pola figura de San Sebastián feito tamén de palla, guiará a comitiva composta por máis de 500 fachós pequenos portados por veciñas, veciños e outros voluntarios e voluntarias que se atrevan a levalos con de xeito responsable.

A serpe de lume e o seu séquito teñen como punto de saída e de chegada o adro da antiga igrexa parroquial de San Sebastián e Santa Isabel, lugar este onde se depositarán os restos do gran fachón e dos fachós pequenos nunha gran fogueira que arderá durante horas. Ao redor do lume formarase unha gran foliada e os presentes poderán degustar bolo preñado, viño, bica e queimada para repoñer forzas e continuar a festa polos bares da vila. Máis información no Galicia Confidencial.

Cartel da celebración.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here