InicioCulturaA regueifa triunfa en Sober

A regueifa triunfa en Sober

A Asociación Cultural O Trícole organizou un obradoiro de regueifas con Luis ‘O Caruncho’ e Pinto D’Herbón. A actividade foi un éxito rotundo en canto a asistencia e satisfacción do público.

Publicado o

- Advertisement -

O Centro Sociocultural de Sober recibía o pasado venres a visita de dous grandes do arte da regueifa en Galicia, Pinto d’Herbón e Luis ‘O Caruncho’ acompañado da súa zanfona. Chegaban coa misión de divulgar esta manifestación oral da cultura popular e conseguir que os asistentes foran quen de chegar a crear algunhas coplas e regueifar.

Notábase ben que os dous formadores teñen “mallado” o tema pois deron unha clase maxistral de regueifa e crearon un ambiente excepcional ao redor das súas explicacións e intervencións. Empezaron regueifando entre eles para crear o clima axeitado, romper o xeo e demostrar con carácter previo de que ía o conto.

Rematado este anticipo, foi Pinto D’Herbón quen explicou as orixes da regueifa e contou que a palabra vén da árabe “ragif”, molete ou torta de pan que se servía antigamente de sobremesa nos casamentos. E abondaba na explicación contando que daquela as vodas facíanse nas eiras das casas e que ademais da familia tamén ían ao convite os veciños e veciñas ao rematar o xantar. Nese momento había que escoller a persoa que tiña que partir e repartir o “pan de voda” e para iso retábanse dialecticamente os candidatos. Empezaban varios e ao final só podía quedar un, o que emitira a última estrofa deixando ao opoñente sen resposta gañaba a contenda. E este sería o que tiña a honra de partir e repartir “a regueifa”.

Nesta introdución, e coa axuda dunha pizarra, os dous regueifeiros tamén contaron que esta tradición dos versos improvisados non é exclusiva de Galicia e que existe noutros lugares do mundo. Así por exemplo no País Vasco os regueifeiros son “bertsolaris”, nas Illas Baleares á regueifa chámanlle “glosa”, en Cantabria “copla”, nas Canarias “décimas”, en Portugal é “desafío” e en Cuba “décima espinela”.

Os ‘mestres regueifeiros’ en plena acción / XdL

Xa metidos en fariña empezou a parte teórico-práctica do obradoiro. Segundo contaron aos atentos asistentes, a regueifa non é máis que unha “batalla dialéctica entre dous ou máis regueifeiros ou regueifeiras” na que a improvisación é fundamental. O esquema básico da regueifa é a copla popular galega con estrofas de catro versos oitosílabos, con rima consonante ou asonante nos versos segundo e cuarto.

Abondando no anterior tamén incidiron na importancia do ritmo,  en que os versos teñen que ir cantados e ensinaron pequenos recursos como o “leixaprén” que consiste en coller o último verso do adversario e empregalo como primeiro verso da estrofa propia.

Chegados a este punto, cos coñecementos básicos aprendidos, era o momento de entrar de cheo na parte práctica. Luis e Pinto D’Herbón puxeron como exercicio voluntario facer unha regueifa de catro estrofas, tendo cada estrofa unha complicación para montar os versos. Na primeira estrofa o segundo verso tiña que rematar con rúa e o cuarto con lúa, na segunda o primeiro verso tiña que ser “xa temos calefacción”; na cuarta estrofa había que incluír necesariamente as palabras “Sober”, “patrimonio” e “viño” e na cuarta estrofa o último verso tiña que ser ”o importante é o amor”.

A priori semellaba un reto difícil pero moitas e moitos dos presentes atrevéronse e “entregaron o exercicio”. Exercicio que despois da aprobación dos mestres tiña que ser recitado en público. Tanto Luis como Pinto quedaron abraiados coa calidade dos versos e as requeifas que se montaron.

Aspecto do Salón de Actos do Centro Sociocultural e asistentes tomando nota / XdL

Entre o público estaba xente da Asociación O Trícole que, evidentemente, participaron activamente e compuxeron estrofas moi boas. Un deles foi Alfonso Campos que recitou, entre outras, estas estrofas:

“Nace xente en Sober,

patrimonio si que ten,

outra cousa non nos queda,

co viño todo vai ben”.

“Teño os bolsillos rotos

teño pouco de valor,

aínda que non teña nada,

o importante é o amor”.

Entre os presentes na sesión, unha parella que traballou en equipo creou esta orixinal estrofa usando as palabras Sober, patrimonio e viño:

“Aquí na Ribeira Sacra,

haiche moito moito viño,

tamén che hai patrimonio,

Sober, o Sil e o Miño”.

Entre os máis novos do obradoiro tamén foi destacable unha rapaza moi aplaudida cos seguintes versos:

“Se vivira en Sober,

o viño non faltaría,

para ver o patrimonio,

da cama levantaría”.

“Iría a un miradoiro,

para gozar dun solpor,

igual coñezo a un mozo,

o importante é o amor”.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...