A Asociación Horticelos de Bóveda honra a Castelao

Este sábado 2 de febreiro representarán unha adaptación de parte da súa obra teatral, "Os vellos non deben de namorarse", no Centro Sociocultural de Bóveda.

Ilustración de Castelao. Autor: Xosé Manuel 'Hermanager Producións'

O mes de xaneiro é o mes de referencia para lembrarnos cada ano dun dos intelectuais máis senlleiros da historia de Galicia, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, pois foi no primeiro mes do ano cando naceu e tamén cando finou.

Como se dunha homenaxe se tratase, a Asociación Cultural Horticelos do Concello de Bóveda presenta este sábado unha adaptación da farsa de Castelao, “Os vellos non deben de namorarse”. A interpretación correrá a cargo dos cómicos da Asociación de Desenrolo Rural San Cristobo de Guntín e a representación da obra terá lugar no Centro Sociocultural do concello ás 21:30 h. Antes, ás 20:00 h., presentarase unha exposición de fotos de xentes e lugares de Guntín que estará todo o mes na biblioteca.

A farsa foi imaxinada cando en Galicia abrollaba o rexurdimento. Comezouna Castelao en Pontevedra no ano 1931 e rematouna en Nova Iork no 1939. “Moito tempo para unha obra tan pequena e tan doada de facer, pero faltoume sosego para rematala. Os trafegos da causa política e as loitas conseguintes non me permitiron ter ilusións” relataba no seu día o autor.

Castelao, referíndose a esta obra, recoñecía tamén que foi no desterro cando puido cumprir o compromiso de rematala. Conta que esta acompañouno de Pontevedra a Badaxoz, pasando por Barcelona entre bombardeo e bombardeo, a bordo tamén dun vapor polo Báltico, nun café de París, por terras de Cuba e finalmente en Nova Iork onde vendo caer as folerpas de neve puxo fin a esta farsa.

Elenco de actores. Foto: Asociación Horticelos

Elenco de ‘comicos’ por orde aparición en escena:

Suso é “o boticario”; Yoli, “Lela”; Xaime, “o mendigo”; Flora, Rosa, Fani e Maribel son “as irmás”; Paz, Tita e Mª Isabel son “as mulleres”; Toño, “o carabineiro”; Divina e Manolo son “os pais”; Alba, “pimpinela”; Cristian,”o mozo” e Xosé Luis, “o vello”. Colaboran a maiores, Felisí como Castelao e Pablo e Aldán como “os monaguillos”.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here