Na Biblioteca do Saviñao teñen ‘dereito a decidir’ e ‘Torre de Babel’

Na Biblioteca Pública Municipal deste concello preguntan aos usuarios que obras lles gustaría mercar e veñen de crear a sección ‘Torre de Babel’, un recuncho onde atopar obras en diferentes idiomas.

Biblioteca Municipal do Saviñao. Fonte: Blogue "A Maxia do Saviñao e Galiza"

O pasado mes de decembro, Xornal de Lemos informaba que esta biblioteca sumaba o seu noveno premio “María Moliner” e a bibliotecaria, Mónica Carballo, tiña a intención de deixar que os propios usuarios/as escolleran o destino da maior parte do total dos 1706,66 euros do premio para a adquisición de libros, revistas e audiovisuais.

Con esta iniciativa, que se está materializando este ano, búscase que os usuarios e usuarias atopen aquelas lecturas que máis necesitan sendo para iso necesaria a información que faciliten a modo de suxestións nun formulario.

O prazo para cumplimentar os formularios con esas solicitudes remata a finais de febreiro e intentarase facer caso a todas as suxestións presentadas que deberán indicar a seguinte información básica:

A obra que lles interesa ou necesitan, sendo fundamental indicar ademais do título, como mínimo, a autoría.

A persoa que o pide pois terán preferencia as suxestións de persoas socias da biblioteca ou usuarias habituais do servizo de préstamo. Deste xeito, pídese indicar un nome e un número de teléfono ou un correo electrónico de contacto para poder avisalo despois da compra ou dos motivos polos que se rexeitou a súa suxestión.

Ademais desta iniciativa, Mónica Carballo informa doutra que consiste en ir aumentando o fondo de material de lectura da Biblioteca Municipal coa adquisición de libros en varios idiomas. O pasado mes de xaneiro xa inauguraron a sección correspondente, un recuncho onde se poden atopar libros en alemán, catalán, esloveno, euskera, francés, inglés, italiano, portugués, rumano, xaponés… Esta sección especial, “Torre de Babel”, conta con libros para diferentes idades e maiormente de narrativa. Irase ampliando pouco a pouco e tamén admite suxestións para a adquisición de fondos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here