Monforte moi presente nos ‘Premios Mestre Mateo 2019’

A película do monfortino Dani de la Torre, ‘La sombra de la ley”, e a longametraxe documental de Amanita Films, ‘Idénticas’, suman entre as dúas 16 nomeamentos aos premios da Academia Galega do Audiovisual. Ángel Amaro, do Saviñao, tamén opta a un premio pola ficción "O sabor das margaridas".

Dani de la Torre e Luis Tosar. Ilustración Xosé Manuel Fdez

Este 7 de febreiro déronse a coñecer os nomeamentos para os XVII Premios Mestre Mateo, premios que convoca a Academia Galega do Audiovisual para recoñecer as mellores producións galegas realizadas durante o pasado ano. Os premios entregaranse o vindeiro 2 de marzo no transcurso dunha gala no Palacio da Ópera da Coruña.

“La sombra de la ley”, película que dirixiu o monfortino Dani de la Torre e que vén de gañar 3 Premios Goya, recibiu quince nomeamentos: á mellor longametraxe, mellor dirección e todas as categorías profesionais ás que optaba: dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, música orixinal e vestiario. Así mesmo, compiten tamén pola mellor interpretación feminina protagonista e de reparto Michelle Jenner e Adriana Torrebejano respectivamente; e pola mellor interpretación masculina protagonista e de reparto Luís Tosar e Ernesto Alterio respectivamente.

Entre as longametraxes documentais presentadas, os académicos e académicas escolleron entre os finalistas a cinta “Idénticas” producida pola monfortina Amanita Films.

Cartel de “Idénticas”. Fonte: Amanita Films

A cinta conta a historia de súas irmáns xemelgas, Cayetana e Celia, que teñen 7 anos e padecen unha enfermidade ultrarara, a etereoplaxia ósea progresiva. “Idénticas” fala das súas vidas, da vida dos seus país e de todo o que supón para unha familia convivir con esta enfermidade.

Cayetana e Celia son ademais as únicas xemelgas no mundo que teñen esta doenza pero é que ademais son o único caso no que unha das irmáns, Cayetana, experimenta os síntomas mentres que Celia non ten a enfermidade en proceso.

Se o traballo de Iván Patiño acada o galardón será o segundo Mestre Mateo para a produtora monfortina despois de gañar a estatuiña á mellor longametraxe documental no 2016 coa obra audiovisual “Os días afogados”.

Ademais destes nomeamentos monfortinos tamén estará Ángel Amaro, veciño do Saviñao que opta a un Mestre Mateo na categoría de mellor dirección de arte pola serie de ficción “O sabor das margaridas”.

2 COMENTARIOS

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here