InicioCulturaEntroido, música e teatro, opcións de ocio para esta fin de semana

Entroido, música e teatro, opcións de ocio para esta fin de semana

O Concello de Pantón celebra o seu desfile de entroido este sábado 9 de marzo, mentres que Sarria, Quiroga e Monforte convidan á música e ao teatro.

Publicado o

- Advertisement -

Castro de Ferreira, capitalidade de Pantón, deixou para este sábado a súa ‘cabalgada entroideira’ abríndose así a posibilidade para moitas carrozas, comparsas e visitantes de prorrogar as celebracións do carnaval.

A concentración de participantes na ruada é ás 16:00 h. no CEIP Monte Baliño onde empezará o desfile polas rúas do Castro de Ferreira ata a Praza do Concello. A continuación farase a entrega de premios e despois chocolatada para todos/as e baile co Grupo Paradise. A organización daralle agasallos a todos os nenos e nenas que asistan á festa.

Este mesmo sábado no Concello de Sarria os amantes das artes escénicas teñen cita co teatro. A Asociación Cultural Charamela de Melide pon en escena a obra “Pode ser calquera…”  na Casa da Cultura ás 20:00 h. Organiza esta actividade o colectivo Rebuldeira Teatro. Sen saír desa localidade temos outra opción de ocio, neste caso relacionada coa música tradicional, a Asociación Cultural Buril organiza un concerto no que participarán a formación Ferreña Libre como teloneira e a continuación Pandereteiras sen Fronteiros. Será ás 22:30 h. con entradas a 5 euros.

En Quiroga tamén será protagonista a música, cun interesante concerto de Pablo Balseiro na Cervexería Ruxe Ruxe ás 24.00 h. e con entrada de balde para os asistentes. Este músico coruñés trae o seu espectáculo “Rumbas & Guateque”  e ameaza con montar unha boa. Trátase dun popurri de versións de diferentes estilos e artistas así como temas propios do seu último disco “San Roque Pá” que funcionan moi ben en directo.

Pablo Balseiro / Cedida

Pensando xa no vindeiro domingo 10 de marzo, opción de teatro para público familiar en Monforte de Lemos. No Edificio Multiusos terá lugar ás 18:00 h. a posta en escena da obra de Carlos Casares ‘A Galiña Azul’ a cargo da compañía Tanxarina. A dirección corre a cargo de Cándido Pazó e como intérpretes temos a Miguel Borines Fernández, Andrés Girádez Río e Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”.

A Galiña Azul é un espectáculo que mestura monicreques con actores e orientado a público infantil e familiar. A peza trata de concienciar sobre a defensa da diversidade e o rexeitamento da inxustiza. Coa vontade de facernos reflexionar lémbranos que sempre se pode loitar contra as imposturas e a homoxeneidade e que as alternativas de resistencia sempre estarán presentes na nosa sociedade. O prezo da entrada xeral é de 5 euros e 3 para os estudantes, desempregados e xubilados.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...