O sarrián Manuel F. Rodríguez recibe o “V Premio Aymeric Picaud”

Este prestixioso xornalista e divulgador recibiu o galardón como recoñecemento polo seu traballo de divulgación do Camiño de Santiago

Darío Campos, Presidente da Deputación, no acto de entrega do premio. Fonte: Prensa Dep. Lugo.

A entrega, celebrada este sábado na Real Abadía de Samos e na que estivo tamén presente o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, recoñeceu así ao técnico do Xacobeo que ideou e dirixiu a Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago, composta por 18 tomos e cuxos contidos foron envorcados tamén en Internet na web Xacopedia.

Manuel F. Rodríguez é autor de numerosas publicacións sobre as rutas de peregrinación xacobeas e no seu labor profesional traballou en varios medios de prensa e radio ademais de colaborar activamente como ensaísta, conferenciante e articulista en publicacións especializadas, congresos, etc.

O galardón internacional é outorgado anualmente pola liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago e leva por nome o do cronista e monxe francés que peregrinou á capital compostelá no século XII e esbrió o ‘Liber Peregrinationis’, a primeira guía medieval do Camiño, que está incluída no libro V do Codex Calixtinus.

Darío Campos felicitou ao galardoado poñendo en valor que “a provincia de Lugo, a través do Camiño Francés é a gran porta de entrada de miles de peregrinos a Galicia, e por isto sentímonos orgullosos de que un lucense, o xornalista Manuel F. Rodríguez, reciba este recoñecemento polo seu constante labor de investigación e divulgación que contribúe a impulsar o coñecemento sobre o Camiño de Santiago”.

A Deputación, a través do seu departamento de Servizos Audiovisuais, colaborou coa liga de Asociacións de Xornalistas do Camiño de Santiago no desenvolvemento do acto de entrega deste premio.

O Premio internacional Aymeric Picaud, que outorga a Liga de Asociacións do Camiño de Santiago creouse no ano  2014 co obxectivo de recoñecer a xornalistas que contribúen a divulgar as rutas xacobeas e o patrimonio inmaterial do Camiño.

A Liga de Asociacións do Camiño de Santiago naceu en 2012. Está composta por representantes de oito Asociacións da Prensa do Camiño Francés -Aragón, Navarra, La Rioja, Burgos, Palencia, León, Lugo e Santiago de Compostela-  que agrupa a uns 1.500 xornalistas.

biografía de manuel f. rodríguez

O sarrián Manuel F. Rodríguez é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no Progreso, La Voz de Galicia, Diario 16, Antena 3 Radio e Cope. Desde 1992, forma parte da plantilla da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Desde 2008 é membro do comité asesor do Arquivo Sonoro de Galicia, Consello da Cultura Galega. Exerce como ensaísta, conferenciante e articulista en publicacións especializadas, prensa, congresos, cursos de verán e en encontros en España e outros países de Europa e América.

É autor de numerosas publicacións, a maioría relacionadas co Camiño de Santiago, como por exemplo: Os Camiños de Santiago en Galicia -en colaboración con Francisco Singul- e La catedral de Santiago para los peregrinos e Santiago de Compostela para los peregrinos. Tamén escribiu unha novela, A viaxe ao fin do mundo, e ideou e dirixiu a ‘Gran Enciclopedia del Camino de Santiago’ (18 vol.) volcada despois no web Xacopedia.com 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here