Venres Santo de concertos en Chantada e Sarria

A Sala Quenda aposta polo pop de ‘Fábrica de Espejos’ mentres que a Sala Buril organiza o ‘Sarriaso Rock’ con dous grupos, ‘Los Iosu’ e ‘Los no te vallas de’.

Fábrica de Espejos. Foto: Facebook grupo

Desde o 1 de marzo, Chantada ten unha interesante alternativa de ocio para a noite e un espazo para gozar da música en directo. Trátase da Sala Quenda que este venres 19 de abril, a partir das 23.30 h. programa un concerto da banda local Fábrica de Espejos aproveitando a presentación do seu novo disco, “Astro Rey”. Fábrica de Espejos creouse en Chantada no ano 2017 e pódese encaixar no xénero musical coñecido como synth pop, moi popular na década dos anos 70 e que tivo un rexurdimento a partires dos 2000.

As súas letras destacan por ser altamente emocionais tirando bastante cara a melancolía, falan do paso do tempo, da perda…

O seu primeiro traballo, o EP “Esferas”, chegou no 2018 e nel atópanse cancións que, segundo contan a lafonoteca.net os membros da formación, “a intención era dispoñer de cancións que puidésemos presentar en directo e así ter a oportunidade de dar concertos”. Nesta mesma publicación dise deles que “o seu son ten unha clara influencia da new wave dos 80, de grupos como New Order, pero tamén do synth pop escuro e que se atopan tamén claras referencias na escena indie española dos 90-2000 e do shoegaze británico”.

Este venres presentarán o seu segundo traballo, “Astro Rey” na casa, na devandita Sala Quenda. Neste novo EP, con máis experiencia e máis dedicación no estudio, esméranse nos detalles a nivel melódico e tímbrico destacando ademais a incorporación de Leticia nas voces.

A outra alternativa musical atopámola en Sarria, na Sala Buril, que organiza a segunda edición do “Sarriaso Rock” en colaboración co “Kurrala Rock” de Corrubedo.

A partires das 23:00 h. deste venres os afeccionados ao punk-rock poderán gozar de dous grupos en concerto. Desde as Illas Baleares chegan “Los Iosu”, que presentan o seu novo disco “Cuñazismo Vol II”, e desde Navarra, a formación “Los no te vallas de”. O prezo da entrada para os dous concertos é de 5 euros.

Cartel “Sarriaso Rock”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here