Dous clubes monfortinos en Campionatos Galegos de Voleibol

Este sábado compite en Boiro o Club Korbis, na categoría de cadete masculino, e o domingo, 12 de maio, faino en Quiroga o C.V. Ribeira Sacra coas xogadoras do cadete feminino.

C.V. Ribeira Sacra. Foto: Cedida polo Club.

O Club Korbis estará presente hoxe na final do Campionato Galego Cadete Masculino de Voleibol, competición que acolle a localidade de Boiro. No torneo terá como rivais ao equipo local, Boiro Voleibol, o Voleibol Calasancias Coruña e o Club Voleibol Emevé de Lugo.

E xa o domingo, 12 de maio, xógase en Quiroga a fase final do Campionato Galego Cadete Feminino, competición que disputarán o C.V. Ribeira Sacra monfortino, o Emevé lucense e Calasancias e Zalaeta da Coruña. No clube de Monforte xogará a quiroguesa Carolina Camino.

As 10:00 h. enfrontaranse na primeira semifinal o anfitrión C.V. Ribeira Sacra contra Zalaeta e ás 12:00 h. a segunda semifinal medirá ao Calasancias contra o Emevé. Xa pola tarde, ás 17 horas, xogarase polo 3º-4º posto e ás 19:00 a gran final.

Cómpre destacar que grazas á clasificación acadada polo Ribeira Sacra no Campionato de España da pasada tempada -oitavo posto- Galicia poderá clasificar este ano a dous equipos. Daquela, os dous conxuntos que xoguen a final pasarán directamente.

Sendo o C.V. Ribeira Sacra equipo monfortino o evento foi levado a Quiroga por ter o Pavillón Municipal de Monforte, nesta data, outros eventos. O Club, neste sentido, agradece ao Concello de Quiroga as facilidades para levar alí este campionato.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here