200 ‘bikers’ participan en Sarria no mellor descenso urbano de España

Trátase do VIII Descenso Urbano da Vila de Sarria que terá lugar o sábado 13 e o domingo 14 de xullo. O espectacular percorrido presenta estruturas de madeira, escalinatas, troncos e, como dificultades extremas, un camión de butano e o salto dende unha casa.

Faixa que anuncia o evento na entrada de Sarria / XdL

Os amantes dos descensos extremos en bicicleta nas comarcas do sur de Lugo están de sorte. Esta fin de semana o Concello de Sarria acolle o que, segundo palabras do Deputado Provincial de Deportes en funcións, Rivera Capón, é “o mellor descenso urbano de España“.

Neste caso estariamos a falar dunha competición DHU, siglas que se corresponden coa modalidade deportiva coñecida como Downhill Urbano, adaptación do descenso de montañas en bicicleta a rúas urbanas.

O descenso urbano contará con dous circuítos, no que participarán preto de 200 bikers. Un dos percorridos é o Mini DHU, no que participan rapaces de entre 5 e 14 anos cun percorrido duns 200 metros e mini estruturas adaptadas para a realización de acrobacias. No percorrido dos maiores, de maior dificultade e distancia, os participantes baixarán dende o Campo da Feira ao Malecón. O percorrido é de 1,2 quilómetros en descenso continuo e transcorre por parte do Camiño de Santiago que atravesa a vila. Os ciclistas deberán superar moitos atrancos: estruturas de madeira, escalinatas, troncos… e incluso afrontar probas de máxima dificultade como son subir por un camión de butano ou saltar dende unha casa.

Presentación do evento no Malecón de Sarria. Fonte: Prensa Deputación de Lugo

Na presentación do evento, hoxe mércores 10 de xullo no Malecón de Sarria, estiveron o Deputado de Deportes en funcións, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes do Concello de Sarria, Félix Seijas Fernández, o Presidente do Clube DHG Galicia, David Somoza, e Efrén Castro, o que será deputado provincial polo BNG.

O evento, ademais dos apoios dalgún patrocinador, conta coa colaboración económica do Concello de Sarria e da Deputación de Lugo.

Dende a organización advirten que a inscrición segue aberta na web: http://emesports.es/

HORARIOS

Sábado 13 de xullo

– De 9:30 a 11:00 horas: Adestramentos de Mini DHU.

– 11:15 horas: Carreira Mini DHU.

– De 16:45 a 20:15 horas: Remonte e servizo de transporte

– De 17:00 a 21:00: Adestramentos DHU Vila de Sarria e recollida de dorsal.

Domingo 14 de xullo

– De 10:00 a 13:45 horas: Remonte e servizo de transporte.

– De 10:00 a 14:00 horas: Adestramentos DHU Vila de Sarria

– De 10:00 a 13:45 horas: Remonte e servizo de transporte

– 16:00 horas: Primeira manga.

– 17:30 horas: Segunda manga.

– 18:30 horas: Peche de carreira

– 19:00 horas: Entrega de premios, sorteo de agasallos .

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here