“A Heróica”, 700 nadadores e un escenario único

Esta proba de natación, que chega este ano á súa IV edición, converterá este sábado 27 de xullo aos canóns do Sil na maior piscina natural do mundo con deportistas chegados de diferentes países e o apoio da Deputación e da Xunta.

Presentación no embarcadoiro de Doade. Fonte: Prensa da Xunta

O embarcadoiro de Doade foi o escenario escollido para a presentación oficial desta competición que patrocina a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral para o Deporte. No acto estiveron presentes, entre outros, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, Pablo Rivera, deputado provincial de deportes, Gloria Prada, primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Sara Inés Vega, alcaldesa de Castro Caldelas e Luís Guitián, alcalde de Sober.

Autoridades e cartel da competición. Foto: Prensa da Xunta

Balseiro explicou que a Xunta apoia este evento non só porque é unha das probas deportivas de maior participación das que forman parte da Copa de España de Natación senón tamén pola visibilidade que ofrece á Ribeira Sacra tendo en conta a espectacularidade da mesma nun territorio que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade.

Rivera Capón, pola súa parte, explicou que “a Heroica vaise asentando no calendario deportivo anual da natación, polas excepcionais condicións da auga, sempre tranquilas e con boa temperatura: as máis favorables do mundo, como di a organización; así como pola espectacularidade da paisaxe, por iso este ano contamos cun nivel moi alto e con nadadores de moita calidade entre os participantes, destacando a Bea Gómez, ou a Gaspar Andrade, entre outros membros da selección española”.

A organización da travesía de natación ‘A Heróica’  corre a cargo do club de natación Portamiñá e a empresa CCNorte co patrocinio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia. Colaboran tamén no apartado económico, os concellos de Monforte e Sober así como algunhas empresas privadas.

Os nadadores que compitan na Heroica serán trasladados desde o embarcadoiro de Doade ata o punto de comezo da proba nos catamaráns turísticos da Deputación, que servirán como apoio en cola e para uso sanitario. Tamén traballarán en prol da seguridade 40 piragüistas e embarcacións a motor de Protección Civil e do grupo de actividades Subacuáticas da Garda Civil.

Horario

– Heroica 10.000 metros: saída ás 15:30 horas

– Travesía 5.000 metros: saída ás 16:00 horas.

– Popular 600 metros: saída ás 16:30 horas.

– Travesía 2.500 metros: saída ás 16.45 horas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here