InicioDeportes“Foi moi gratificante ver como os veciños nos axudaron desbrozando camiños”, Alejandro...

“Foi moi gratificante ver como os veciños nos axudaron desbrozando camiños”, Alejandro Méndez, vicepresidente do Club Atletismo de Chantada

O vindeiro 24 de novembro celebrarase a IV edición do Desafío Vía Romana, proba que este ano pasa a ser Trail e que contará con tres modalidades e unha andaina. Falamos co vicepresidente do Club Atletismo de Chantada que nos conta o traballo e a satisfacción que obtiveron el e outros voluntarios/as preparando os percorridos.

Publicado o

- Advertisement -

O pasado 6 de novembro presentábase oficialmente o I Trail Desafío Vía Romana aos medios de comunicación. No acto estiveron presentes representantes do Club Atletismo Chantada, Alejandro Méndez e Belén Vázquez, o concelleiro de Deportes do Concello de Chantada, Diego Otero, e o xerente da adega Vía Romana, Juan Luis Méndez Rojo.

Dábanse a coñecer importantes novidades respecto ás tres edicións anteriores do chamado ‘Desafío Vía Romana’, novidades que pasan pola case transformación total da proba. O reto agora será moito maior e contará con tres modalidades e unha andaina. O Trail longo, para os máis preparados/as, contará cun percorrido de 28 quilómetros e un desnivel duns 1900 metros; haberá outro de 19 quilómetros e un desnivel de 1180 metros e un terceiro trail de dificultade máis baixa co desnivel de 600 metros. A saída destas competicións farase dende a vila de Belesar e a meta estará na adega organizadora, Vía Romana. Para os que se apunten á andaina, esta terá unha dificultade media, unha distancia de 8 quilómetros e tanto saída como chegada faranse dende a propia adega.

Na presentación, o xerente da adega agradeceu o esforzo do Club Atletismo de Chantada, que ano tras ano está convertendo este evento deportivo nun auténtico referente deportivo que, segundo palabras súas, “supón achegar a Ribeira Sacra e o viño á cultura e ao deporte, promovendo o enoturismo da Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno”.

A proba destaca como carreira vertical, con pendentes que superan o 70% de inclinación e está incluída no calendario nacional da súa modalidade pola dificultade do percorrido e a espectacularidade do mesmo. Falamos con Alejandro Méndez, un dos artífices do Club Atletismo de Chantada que participou activamente dende os comezos na organización do “Desafío Vía Romana”.

Como comezou esta aventura deportiva?

Hai catro anos. No 2015 organizamos coa Adega Vía Romana a primeira proba que consistía nun percorrido dun quilómetro en vertical dende o río Miño ata a adega. O percorrido era moi bonito pero empezou a perder interese porque quedaba curta, moitos deportistas que viñan de máis lonxe perderon a motivación e xa non lles chamaba “vir só para un quilómetro”.

Tivestes logo que darlle unha volta?

Si, estaba claro que lle faltaba quilometraxe. O pasado ano mantivemos o percorrido de 1 quilómetro pero xa fixemos outro de 6. Modificamos algo e ampliamos as opcións. E este ano xuntámonos con Juan Luis, xerente da adega, e coincidimos todos en que había que darlle máis quilometraxe á proba. Aproveitando que o club de atletismo aumentou de socios/as na tempada 2018-2019 pensamos que era bo momento de facelo. Coa entrada de máis xente con afección ao trail acabounos de animar e entre todos/as decidimos traballar para que a proba medrase.

Penso na proba máis dura de 28 quilómetros e nin me imaxino o traballo que custaría poñela a punto.

Moito, moito traballo. Levamos dende maio-xuño traballando. Fins de semana dedicados por completo para ir deseñando o percorrido. Moitas horas buscando camiños, carreiros para trazar as mellores opcións… Recuperamos moitos camiños, un por exemplo que nos dixo a xente do lugar que había uns 30 anos que non se andaba por el.

Xente do Club Atletismo de Chantada abrindo camiños. Foto: Facebook club

Axudouvos alguén?

Veciños e veciñas dos lugares. A xente quedou encantada con nós porque abrimos moitos camiños pero foi moi gratificante ver como os veciños nos axudaron, non só indicando e dando información se non tamén desbrozando. As novas tecnoloxías tamén nos axudaron para localizar percorridos e direccións pero houbo moito traballo duro, “non é o mesmo velo que facelo”. E o traballo de todos/as queda aí, camiños abertos e mirando sempre pola seguridade dos deportistas que participen o día 24.

“A xente quedou encantada con nós porque abrimos moitos camiños pero foi moi gratificante ver como os veciños nos axudaron, non só indicando e dando información se non tamén desbrozando”

En moitos puntos fixo falta usar a motoserra. Foto: Facebook club

Pódese ver o trazado final das probas?

Non, non o faremos público ata o remate da proba. Se o désemos a coñecer habería vantaxe para aqueles que podan vir xa probar e adestrar días antes. Os corredores e corredoras terán toda a información no dorsal, cun mapa para coñecer o perfil e orientar dos puntos de avituallamento.

Que destacarías dos percorridos?

Moitas cousas, pero sobre todo a espectacularidade do entorno, “é chulísimo”, e máis nesta época do ano. A xente que lle ensinamos partes del para valorar tamén a súa opinión como corredores de trail fliparon. As vistas do río Miño ou a viticultura heroica e as cores da viña son espectaculares.

Como repartides o traballo da organización Vía Romana e vós, dende o Club de Atletismo de Chantada?

A adega leva en parte a promoción e sobre todo o financiamento do evento. Nós encargámonos do deseño dos percorridos e tamén de parte da promoción. As inscricións facémolas a través de Champion Chip.

Que cres que lle aporta a proba ao Club e ao Concello de Chantada?

A nós satisfacción por organizar unha proba de prestixio e tamén axudará a que se achegue máis xente a nós. A Chantada promoción, limpeza de sendeiros e camiños, e tamén algo de movemento económico, sempre hai xente que queda por aquí, ou volve a coñecer a zona con máis tranquilidade…

As probas transcorren só polos límites de Chantada?

Non, os tres trails métense un pouco no Saviñao e tamén hai que dicir que se toca o Camiño de Inverno. Tamén se pode destacar que se cruzan tres pontes, a ponte vella de Monforte, a de Belear e a de Pincelo.

“O obxectivo é que ao rematar as probas “o monte quede que non se saiba que ninguén pasou por alí”

Tamén me consta que mirades polo medio ambiente. Cóntanos.

Ecoembes axudará coa reciclaxe de residuos a través de papeis especiais para facer que sexa un evento sostible. A intención é que os participantes deixen os residuos nos puntos de avituallamento e non despois, que ninguén tire nada no monte. Non se darán botellas de auga, repoñerase na que traía cada un. O obxectivo é que ao rematar as probas “o monte quede que non se saiba que ninguén pasou por alí”. Contaremos con moitos voluntarios/as e ao remate tamén se farán os percorridos para limpar o que puidese quedar.

E para rematar, pincho e viño en Vía Romana?

Si. Un viño de confraternización ao rematar, agasallos pola participación e diferentes premios para os mellores homes e mulleres en cada proba. Tamén se poñerá un bus para volver da adega ao punto de saída en Belesar e que a xente poda coller os coches. Na adega poderase limpar a xente no básico e se alguén quixese ducharse teñen opción nas piscinas de Chantada, libre acceso para todos/as os/as participantes.

ÚLTIMAS

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...

Bóveda construirá un miradoiro astronómico na Serra de Penas

O obxecto desta intervención consiste na creación dun miradoiro específico e especializado para observar...

Detido por tenencia e distribución de pornografía infantil despois dunha denuncia na Comisaría de Monforte

As xestións practicadas por parte da Comisaría de Monforte de Lemos arroxaron que o...

CSIF Lugo pide ao concello de Monforte que cumpra a lei e recoñeza aos seus traballadores os dous días de asuntos propios pendentes do...

CSIF lembra que o concello está obrigado a recoñecer este dereito dos seus empregados...