Sarria acolle o 27 de febreiro a final da volta ciclista “O Gran Camiño”

O Gran Camiño pretende recuperar para Galiza unha proba ciclista profesional por etapas con proxección internacional como a que acadou no seu momento a Volta a Galicia, que disputaron nomes históricos do ciclismo como Miguel Induráin, Abraham Olano, Marco Pantani ou Laurent Jalabert, entre outros, e que, xunto á existencia dun equipo profesional, o Xacobeo Galicia, supuxo unha etapa dourada para o ciclismo galego.

Presentación O Gran Camiño / Vicepresidencia Deputación

O centro histórico de Sarria será a meta da cuarta e última etapa da ronda galega, que conta co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e que se celebrará o vindeiro 27 de febreiro.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, e o organizador do evento, Ezequiel Mosquera, fixeron o anuncio este 27 de decembro nun acto no que participaron os exciclistas profesionais Óscar Pereiro e Alejandro Paleo e o concelleiro de Seguridade Cidadá sarriao, Félix Seijas, e no que se avanzou tamén que a etapa sarriá será unha contrarreloxo.

Acoller a final do Gran Camiño suporá o regreso do pelotón internacional a Galiza e colocará a Sarria no foco do mundo do ciclismo, reforzando tamén a súa proxección como punto de referencia do Camiño de Santiago. Efrén Castro sinalou que “un percorrido que ten como referencia a ruta xacobea tiña que pasar necesariamente por Sarria onde, engadiu, existe tamén unha importe afección ao ciclismo”.

Ezequiel Castro explicou que “o casco histórico de Sarria supón un escenario icónico para o final do Gran Camiño” e agradeceu a colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para sacar adiante o evento que, avanzou, contará con equipos UCI Pro Tour, que forman parte dos pelotóns das grandes probas internacionais.

Os ex ciclistas profesionais Óscar Pereiro -gañador do Tour en 2006- e o viveirense Alejandro Paleo, que participaron na presentación do evento, evocaron esa etapa e sinalaron o potencial destes eventos como “viveiro” de ciclistas.

O Gran Camiño: do 24 ao 27 de febreiro

A etapa en Sarria será a derradeira desta primeira edición do Gran Camiño, que se disputará do 24 ao 27 de febreiro e que contará con outras tres etapas: unha por provincia. En Pontevedra, onde se iniciará a rolda, a etapa discorrerá entre O Porriño e Vigo. Na Coruña, o punto de referencia da etapa será O Ézaro. Mentras, en Ourense, a saída estará en Maceda e a meta en Luintra.  

A organización confirmou a participación na proba de equipos como o Movistar,  Cofidis, Euskaltel-Euskadi,  Start Up Nation, Education First ou Tavira.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here