Manuel Freire, piragüista: “comecei neste deporte con 10 anos e de casualidade”

Manuel Freire no descenso de aguas bravas/Facebook

Manuel Freire Rodríguez vén de acadar o título de Campión de España de piragüismo en descenso de augas bravas.

O monfortino, que pertence ó Clube Fluvial de Lugo, demostrou que os obxectivos que se propón sempre se acadan. Sacándolle unha diferenza de 20 segundos ó segundo clasificado, Manuel Freire mostrou durante o campionato unha importante superioridade sobre os seus rivais.

Primeiramente, parabéns. Como se leva ser o mellor piragüista de España e quinto do mundo?

Moitas grazas. A verdade é que se leva ben. Estou moi ledo de ter acadado este premio pois para min era moi importante. Tiña claro que quería conseguilo e finalmente, tróuxeno para a casa.

No Campionato do Mundo que se celebrou en maio en Suíza quedei quinto pero igualmente volvín para a casa moi satisfeito do traballo realizado.

Como comezaches no piragüismo?

Foi de casualidade. Cando tiña ó redor de 10 anos, un amigo díxome que probara a remar. E a verdade é que me enganchou de tal xeito que mira onde estamos agora. Tamén estiven nun Centro de Alto Rendemento en Lugo e agora dedico a miña vida a remar e traballar para poder vivir.

Que supón gañar un Campionato de España?

Por un lado ledicia e motivación para seguir competindo. Este é o meu terceiro Campionato destas características e estou  moi orgulloso. E polo outro, suponme unha remuneración económica tanto a nivel de becas para o ano seguinte como para a obtención de patrocinadores. Xa se sabe, cantos máis campionatos e clasificacións gañe, máis cartos obteño para poder seguir competindo. Isto é como en todas as disciplinas.

Como é o teu día a día? Tes outro traballo aparte?

Si. Eu traballo como calquera outra persoa. Si que é certo que levo unha vida super programada porque dende as 10 da mañá ata as 10 da noite non teño tempo a outra cousa que non sexa remar e traballar. Pero é todo cuestión de organización porque dos deportes minoritarios é imposible vivir. Levo moitos anos que case non teño tempo libre e a verdade é que non me importa.

Como fas para compaxinar traballo e competicións?

A verdade é que teño moita sorte porque tanto o meu xefe como os meus compañeiros axúdanme moito. Eles facilítanme moito as cousas nese sentido. Só deste xeito podo ir ós campionatos porque ás veces, aínda que se celebren durante as fins de semana, desprazarse para ir e volver nas 48 horas que teñen sábado e domingo é imposible.

Que plans tes para o futuro próximo?

Agora soamente quero descansar (risas) e pensar na nova tempada para seguir marcándome obxectivo a cumprir.

 

 

 

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here