O seu peso en carne de porco para os gañadores da ‘San Silvestre’ sarriana

A tradicional ‘Milla Urbana de Sarria’ será este 31 de decembro ás 18:00 h.

Milla Urbana de Sarria (arquivo). Foto: Concellería de Deportes

No último día do ano son típicas as carreiras atléticas de carácter popular nas que incluso atopamos ás veces un marcado compoñente de humor e nas que os participantes poden ir disfrazados.

No caso da ‘Milla Urbana de Sarria’, unha clásica na localidade, chama a atención o curioso premio que se concederá ao gañador absoluto masculino e feminino. Para eles non haberá medallas, nin trofeos, nin tan sequera un detalle económico… o premio consistirá no seu peso en produtos cárnicos de porco. Un detalle que, alén do curioso, servirá para darlle promoción aos produtos cárnicos porcinos de calidade que se fan en Sarria.

O premio consistirá no seu peso en produtos cárnicos de porco

O resto de participantes, un total de 168 inscritos/as, serán obsequiados cun plátano de Canarias e unha botella de auga Fontecelta.

O percorrido, con saída na rotonda da estrada de Samos ás 18:00 h. e meta na Estación de Renfe, ten unha distancia duns 1.600 metros nun circuíto urbano e chairo. A entrega de dorsais realizarase ás 16:00 h. no pavillón dos institutos de Sarria.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here