InicioDeportesO 1º Torneo de Golf Nocturno da provincia de Lugo disputarase en...

O 1º Torneo de Golf Nocturno da provincia de Lugo disputarase en Monforte

Publicado o

- Advertisement -

O vindeiro 15 de setembro ás 21:30 horas, o Club de Golf Río Cabe, acollerá o 1º torneo de golf nocturno celebrado na provincia de Lugo.

A iniciativa, promovida polo presidente do club, José Ángel Pérez Reñones e o xerente da entidade, Óscar Sánchez Varela, ten como obxectivo ofrecer novidades para todos os membros da entidade e para todos aqueles que, aínda que no pertenzan á sociedade, poidan gozar do seu deporte favorito nun ambiente totalmente descoñecido na disciplina deportiva.

A idea deste torneo de golf nocturno xorde tras disputar un de semellantes características en Boiro. Un ambiente de luz tenue, cálida, con bolas luminosas e coa única axuda dunha lanterna individual para poder golpear a esfera, sitúan ó torneo nocturno como unha das novidades máis chamativas nos deporte galegos.

O campionato, que se xogará a 18 buratos, estímase que teña unha duración aproximada de 2 horas nas cales, os xogadores alí presentes, disputaranse o primeiro, segundo e terceiro premio ademais do sorteo doutros agasallos.

Tras rematar de xogar ao golf, os anotados ó campionato, gozarán dunha cea ao aire libre nas inmediacións do campo de golf e posteriormente, disputarase un torneo de Putting Green – xogo que se practica nunha área específica do campo de golf onde a herba é máis curta, hai pendentes para dificultar o xogo e os buratos están sinalados con bandeiras- ata ben entrada a madrugada.

De esquerda a dereita, José Ángel Reñones e Óscar Sánchez, organizadores do torneo/Facebook

Como xorde a idea dun torneo de golf nocturno?

Hai uns meses fun xogar un de similares características a Boiro. A verdade é que quedamos impactados do bonito que é xogar nesas circunstancias. Entre Óscar e eu decidimos que debíamos celebrar un desas características en Monforte porque realmente é unha experiencia que a todo golfista lle gustaría vivir.

Ademais consideramos que é a idea perfecta para despedir os torneos de golf estivais. Algo diferente, rompedor e sobre todo, novidoso.

Como vai estar organizado o torneo?

Vamos xogar a 18 buratos para que o tempo de xogo non se demore máis de 2 horas. A todos os participantes, polo prezo da inscrición -30 euros os socios e 38 os non socios-, van recibir 2 bolas luminosas, unha gorra e unha lanterna led.

A partir das 21:30 horas dará comezo o xogo e ao rematar, ofreceremos unha cea bufete para todos.

Considerades que vai ter éxito?

Estamos seguros diso. O día que abrimos a inscrición, venres día 7 xa se anotaron 15 participantes, dos cales, ademais de membros do club, tamén se anotaron golfistas de Sarria e Ourense. Se temos en conta que o máximo de xogadores permitidos nesta edición son 40 e por orde de anotación, e xa temos 15, nada fai pensar que os 25 restantes non se anoten. E é que por riba as predicións meteorolóxicas para esa noite son estupendas, que máis podemos pedir?

Tamén nos reafirmamos no noso éxito polo feito de que é algo único. Nunca antes nada parecido se fixo na zona nin na provincia de Lugo. A xente que lle gusta xogar ó golf, tamén lle gustan as novidades.

Ilusionados?

Moito, non o sabes ti ben. Vamos ofrecer algo rompedor e a xente está respondendo marabillosamente. Nas redes sociais o tema está voando.

E o golf un deporte elitista?

Mira, antes, considerábase un deporte de ricos porque soamente os docentes, médicos e banqueiros tiñan as tardes libres para poder xogar.

Actualmente, aínda hai moita xente que considera que é caro pero nada máis lonxe da realidade. Os torneos celébranse durante as fins de semana que é cando a xente ten máis dispoñibilidade horaria e os horarios das clases inténtase que sexan flexibles, tanto para o profesor como para os alumnos.

Segue sendo un deporte principalmente masculino?

É masculino dependendo da idade. As mulleres que xogan ao golf en idade laboral son unha porcentaxe inferior á dos homes. Eu creo que moitas veces isto ocorre polas ideas arraigadas que aínda existen na sociedade tan como pode ser a crianza dos fillos. Aínda hai mulleres que traballan tanto dentro como fóra da casa e os homes son os que practican deporte. Pero non só golf, senón calquera outra disciplina deportiva. Aínda que esta idea vai mudando pouco a pouco, considero que aínda queda moito traballo por facer neste aspecto.

Sen embargo, para cando os fillos xa non dependen tanto dos pais, si é certo que as mulleres comezan a practicar deporte. Nós vémolo no golf; mulleres con fillos de vinte anos cara diante son as que se apuntan a xogar. Moitas porque lles gusta e outras porque o marido leva anos xogando e así comparten afección xuntos. E sabes o mellor de todo? que as que proban por vir co marido, acaban enganchadas ao golf.

Que características físicas require o golf?

A verdade e que poucas. É dicir, non necesitas adestrar fisicamente todos os días. Ti podes non ter practicado deporte nos últimos 15 anos e comezar a xogar ao golf. Por outra banda, ao ser un deporte, chamémoslle tranquilo, tampouco tes un alto risco de lesión por alcance. Está claro que te podes mancar, pero as probabilidades son moi baixas.

É o golf un deporte que engancha?

Moito. Eu comecei a xogar hai 20 anos e xa ves, aquí sigo. É relaxante e individualista. Ti podes vir a calquera hora tirar unhas bolas ti solo porque che apetece ou para perfeccionar a túa técnica. Non necesitas un contrincante.

Si é certo que se hai 2 persoas para xogar sempre é máis emocionante porque existe ese “pique” entre ambos. A ver quen fai o circuíto en menos golpes, por exemplo. Pero se non hai ninguén non pasa nada. Ti cos teus paus e bolas e a percorrer campo ata que che apeteza.

Ao final vas aos campionatos e ves xente mellor ca ti e sempre queres chegar a xogar como eles ou mellorar as súas marcas.

 

 

 

ÚLTIMAS

O BNG pon en marcha, “Arranxo XA das nosas estradas”, campaña para mellorar as infraestruturas viarias na provincia

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo inicia unha nova campaña para reclamar o arranxo...

8ª Andaina polo Corazón de Galicia, o 21 de abril en Chantada

O domingo, 21 de abril, celébrase a 8ª Andaina polo Corazón de Galicia, que...

Que acontece coas Unidades de Drogodependencias dos concellos?

Na última xuntanza dos concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia...

Xornadas Pacegas sobre as Revoltas Irmandiñas, o 6 e 7 de maio no Museo Pazo de Tor

O Museo Pazo de Tor acollerá os vindeiros 6 e 7 de maio a...