Monforte investiu 432.226 euros no deporte o pasado ano

A Concellería de Deportes do Concello de Monforte fixo balance de xestión do 2018 e deu a coñecer a memoria da Oficina Municipal de Deportes.

Campus R.C. Celta de Vigo en Monforte (2018). Fonte: Concello de Monforte

O orzamento a disposición desta Concellería ascendeu a 432.226,61 euros, cantidade que se desagrega de forma xustificada na memoria presentada aos medios e que dende a Oficina Municipal de Deportes entenden que foi investida do xeito máis racional posible. No desagregación principal impútanse 34.144,76 a gastos de persoal, 253.285,59 a gastos correntes, 134.796,26 a transferencias correntes e 10.000 a investimentos.

A partida máis importante de gasto ascendeu a 230.913 euros e destinouse á prestación do servizo de instalacións deportivas municipais, importe ao que cómpre sumar 23.852 euros máis en concepto de mantemento das mesmas.

No capítulo de subvencións, o Goberno local destinou un total de 93.467 euros á sinatura de 27 convenios con entidades deportivas e clubs de Monforte para levar a cabo as súas actividades durante a tempada 2017/2018 e tamén se destinaron 5.000 euros que foron para 18 bolsas a deportistas que practican modalidades individuais.

Polo que respecta ao aproveitamento das instalacións deportivas, destacan as 3.653 horas de uso que realizaron os clubs e as entidades deportivas de Monforte; así como os 412 partidos de competición. A actividade na Piscina Climatizada Municipal foi tamén moi importante chegando aos 1.367 aboados e contando cunha media de 560 cursillistas mensuais, datos estes que a converten nunha das instalacións deportivas estratéxicas dentro da oferta deportiva municipal.

En canto á organización de eventos deportivos e actividades, destaca a participación de 1.159 persoas nas campañas das Escolas Deportivas Municipais e do Programa Deportivo de Verán así como os 1.460 inscritos na X Carreira Popular Concello de Monforte.

Para rematar, salientar que integraron o programa deportivo de verán un total de once actividades, e que o número actividades e de eventos deportivos organizados por Clubs e Entidades Deportivas de Monforte coas que colabora o concello ascendeu a trinta.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here