Tomé presenta uns orzamentos coas festas e o deporte como protagonistas

O alcalde monfortino destacou a importancia de non recorrer a ningún préstamo bancario, co obxectivo de conseguir eliminara débeda pública do Concello.

Gloria Prada e José Tomé presentan os orzamentos / Concello de Monforte

O pasado 28 de xuño o alcalde de Monforte, José Tomé, e a Primeira Tenente Alcalde, Gloria Prada, deron a coñecer os detalles do Orzamento do Concello do ano 2019. A previsión de ingresos será de case 13 millóns de euros, o que supón un incremento do 2,42% con respecto ao exercicio anterior. A intención do rexedor é aprobar este plan durante o mes de xullo, logo de que no mes de novembro fose rexeitado polo Pleno.

Tomé sinalou que, por primeira vez en máis de corenta anos, o Concello de Monforte non recurrirá a ningún préstamo bancario. “A idea do Goberno Municipal é que o concello de Monforte non deba nin un euro aos bancos e que, polo tanto, os monfortinos sexamos cidadáns sen débeda pública”, declarou o socialista.

Por áreas, destaca o aumento do gasto para a programación cultural de verán e as festas, que se unificarán nunha soa área de gasto. As Festas Patronais e a Feira Medieval terán 16.000 e 12.000 euros máis á súa disposición, respectivamente. Ademais, inclúese unha partida de 70.000 euros para o Festival do Viño da Ribeira Sacra.

No relativo ao deporte, os clubes monfortinos recibirán un 111,4% máis de axudas ca no ano 2015, é dicir, a inversión pasará de 51.950 euros a case 110.000. Así, este ano incúense dous novos organismos nos orzamentos: o Club Ciclista Monforte e o Clube de Pesca Río Cabe.

Outros eidos de gasto que verán o seu orzamento aumentado son a axuda a domicilio e as emerxencias sociais, a atención á drogodependencia, o transporte urbano e escolar e o persoal do Concello, xa que se convocarán todas as prazas de Policía Local para acabar coa precariedade que vivía este corpo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here