Es traballador por conta propia? Infórmate para solicitar o ‘bono autónomo’

Este programa forma parte dunha iniciativa da Xunta de Galicia que chega á súa terceira edición e que busca apoiar as persoas e as empresas que crean emprego en Galicia.

Pablo Rodríguez, autónomo de Quiroga. Foto: Armaior

A Estratexia do emprego autónomo 2017-2020 da Xunta ten como misión principal apoiar a creación de emprego estable e de calidade na nosa comunidade. Con esta finalidade naceu o “bono das persoas autónomas” que ten como obxectivo cimentar a consolidación de proxectos que xa superaron os tres primeiros anos de vida e contribuír á súa mellora competitiva. Na zona sur de Lugo, como no resto de territorio de Galicia, a actividade dos autónomos é moi importante para o sustento da economía local, co cal calquera axuda que poida impulsar o negocio ‘benvida sexa’.

E atención ao comentado vense de publicar estes días atrás no DOG a Orde na que se establecen as bases reguladoras deste programa de apoio co que a Xunta ofrece subvencións de ata 3.000 euros de cara á mellora competitiva e consolidación de negocios de persoas traballadoras por conta propia. A devandita Orde contempla dúas liñas de apoio para a mellora da competitividade, unha delas a través de contratación de servizos especializados -elaboración de plans e estudos- e outra a través de investimentos -compra de maquinaria ou ferramentas, reforma do local, equipamentos informáticos, rótulos, aplicacións informáticas e páxinas web, creación de logotipos, mobiliario-.

Interesados e interesadas que poden ser beneficiarios/as e requisitos

As persoas traballadoras autónomas

Deben estar de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, con domicilio fiscal en Galicia.

Ademais, teñen que ter unha antigüidade na actividade empresarial ou profesional de xeito ininterrompido de mínimo 42 meses e un rendemento neto reducido das actividades económicas declaradas na renda do ano anterior inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima de 12.000, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

Sociedades e comunidades de bens

Deberán ter domicilio fiscal en Galicia, unha persoa autónoma societaria e que esta cumpra os requisitos enumerados anteriormente. Así mesmo, a empresa debe superar os 12.000 euros, IVE incluído, na última declaración realizada.

A base impoñible no imposto de sociedades da última declaración ten que ser inferior a 30.000 euros.

Importante tamén para os interesados/as en solicitar a achega que quedan excluídos/as de forma directa os familiares que, de xeito habitual, fan traballos para persoas autónomas ou mutualistas e non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea e aqueles que xa teñan cobrado o bono das persoas autónomas nalgunha das dúas convocatorias anteriores deste programa de axuda económica da Xunta.

Necesariamente as solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A Administración autonómica prevé beneficiar a uns 1.300 traballadores a través dun orzamento que alcanzará os catro millóns de euros, 500.000 para a primeira liña de apoio e 3.500.000 para a segunda.

Segundo información da Xunta, a través do ‘Bono Autónomo’ a Consellería de Economía, Emprego e Industria favoreceu nos últimos dous anos a uns 1.355 autónomos cun orzamento de máis de tres millóns de euros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here