A D.O. Ribeira Sacra finaliza a vendima máis abondosa e longa da súa historia

7.262.831 de quilos de uva recollidos na D.O. Ribeira Sacra dos que 6.000.233 quilos corresponden a Mencía. Remata a vendima mentres a Denominación se prepara para acoller a XXIV Asamblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV).

Vendima na D.O. Ribeira Sacra / CRDORS

Este venres, 18 de outubro, entraron en adega as últimas uvas recollidas na D.O. Ribeira Sacra nesta campaña, o que dá por finalizada a campaña oficialmente. Este ano as condicións climatolóxicas foron favorables e o 8 de outubro superábanse os 7 millóns de quilos de uva previstos para esta vendima. A día de hoxe, cando todas as adegas terminaron coa recollida de uva, os datos de quilos de uva por variedade son os seguintes, superando os 6 millóns de quilos da variedade Mencía:

Variedades tintas:

  • Mencía: 6.000.233 k
  • Brancellao: 49.405 k
  • Merenzao: 62.842 k
  • Caíño: 30.920 k
  • GraoNegro: 2.057 k
  • Garnacha: 388.306 k
  • Mouratón: 11.656 k
  • Sousón: 109.183 k
  • Tempranillo: 62.217 k

Variedades brancas:

  • Albariño: 71.125 k
  • Branco lexítimo 3.420 k
  • Dona Branca: 5.648 k
  • Godello: 422.886 k
  • Loureira: 2.605 k
  • Torrontés: 3.675 k
  • Treixadura: 36.653 k

TOTAL DE KGS RECOLLIDOS: 7.262.831

A vendima do 2019 convértese así na máis abondosa na D.O. Ribeira Sacra ata a data, despois de rozar no 2011 os 7 millóns de quilos; e supérase en case 1.100.000 quilos á pasada campaña.

O Presidente do C.R.D.O.R.S., José Manuel Rodríguez, mostra a súa satisfacción pola cantidade e a calidade desta colleita, “Estamos satisfeitos porque hai cantidade e calidade. Nesta ocasión non houbo ningún problema de xeadas, nin pedrisco, nin tivemos unha primavera complicada como ocorreu nos últimos anos. Houbo en xeral máis uva e de moi boa calidade e as adegas estaban esperándoa porque a necesitan para o mercado. A D.O. Ribeira Sacra vende toda a súa produción, polo tanto, as adegas teñen mercado para este viño. Terminamos unha campaña na que todo transcorreu con normalidade, subimos de media un 10% na produción con respecto á media dos últimos anos e tamén subimos un 10% no prezo, xa que a uva pagouse a 1,20 €. “

Ademais de ser a vendima máis abundante da historia da D.O. Ribeira Sacra, esta campaña converteuse tamén na de maior duración. A data recomendada para o inicio da vendima era o 19 de setembro, pero o 28 de agosto abría a vendima a primeira adega e este 18 de outubro entraban en adega as últimas uvas, produto da vendima heroica.

Coa vendima terminada, a D.O. Ribeira Sacra prepárase agora para acoller, entre o 24 e o 26 de outubro, a XXIV Asemblea Xeral da Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CECRV),encontro que achegará á Ribeira Sacra ao 98% do sector do viño con Denominación de Orixe en España.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here