200.000 euros para poñer en valor terras en Bóveda

Este concello é un dos beneficiados polos investimentos orzamentados pola Xunta para aproveitamento e recuperación de terras en estado de abandono de cara ao vindeiro ano.

Visita de Raquel Arias á explotación Gandería Xuíz SC de Bóveda. Foto: Prensa PP Lugo

A Xunta seguirá estendendo no 2020 o seu proxecto de mobilización de terras na zona sur de Lugo, destinando 560.000 euros dos orzamentos para o ano que vén a estas actuacións. Así o confirmou a deputada autonómica Raquel Arias nun acto no Concello de Bóveda co seu rexedor, José Manuel Arias. Precisamente neste concello está previsto que se invistan 200.000 euros para poñer en valor terras abandonadas.

No transcurso da visita achegáronse á explotación Gandería Xuíz SC onde o seu propietario, Pablo Rodríguez, explicou o seu interese por alugar parte do terreo que a Xunta porá a disposición co proxecto de mobilización de terras. Pablo, de tan só 21 anos, conta na súa explotación na Portaxe con 100 cabezas de gando de leite.

Pensando xa no futuro, este mozo emprendedor precisa máis hectáreas de terreo que destinará á plantación de millo forraxeiro, tendo especial interese en alugar as terras que se atopan entre Guntín e Ver. A previsión é que Bóveda poña a disposición dos interesados ata 160 hectáreas de terra, que a Xunta alugará aos gandeiros/as tras un acordo cos seus propietarios/as.

A deputada Raquel Arias lembrou que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria entrará no Parlamento de Galicia para o seu debate antes de que remate o ano, dando cumprimento así ao ditame da Comisión de política forestal creada tras a vaga de lumes de 2017. “Coa mobilización de terras trátase, en definitiva, de ampliar a base territorial de agricultores e gandeiros e de frear o abandono da terra o que, en consecuencia, será efectivo na prevención contra os lumes forestais e para o asentamento de poboación no rural”, engadiu.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here