Alerta por unha praga de ratos na montaña de Lugo que afecta a máis de 3.000 hectáreas

Afecta principalmente á zona entre Triacastela e Pedrafita do Cebreiro, pero que se estendeu tamén a Folgoso do Courel e Samos.

Montañas do Courel. Foto: XMF

Unións Agrarias (UU.AA.) lanzou un “berro desesperado” á Xunta para que actúe ante os danos ocasionados en prados na montaña de Lugo por unha praga de ratos, que afecta a máis de 3.000 hectáreas en varios municipios.

Este xoves, os responsables da oficina de Unións Agrarias en Sarria e Becerreá, Miguel Tomé e Iván Raposo, así como o responsable de Área Externa do sindicato agrario, Félix Porto, deron unha rolda de prensa en Sarria para denunciar estes “danos irreparables”.

Explican que esta é unha problemática que vén de hai anos, pero que se acrecentou nos últimos meses pola “acción incontrolable” dos ratos. Unha cuestión que afecta principalmente á zona entre Triacastela e Pedrafita do Cebreiro, pero que se estendeu tamén a Folgoso do Courel e Samos.

O sindicato púxose en marzo en contacto coa xefatura territorial en Lugo de Medio Ambiente, e aínda que se comprometeron a nova reunión para buscar solución “non houbo máis contactos”.

Reclaman que se tomen medidas como poida ser un trampeo masivo. Con todo, UU.AA. sinala que “non é responsabilidade dunha consellería”, senón tamén de Medio Rural e de “todo” o Goberno galego polos problemas sanitarios que poida haber.

DETERIORACIÓN DE MAQUINARIA

Así, prodúcese un “dobre custo” para as explotacións, dado que á perda de forraxes únese a deterioración de maquinaria polos túneles que se crean debaixo da terra, que deixan “impracticables” os terreos.

Ante isto, os gandeiros advirten que explotacións de alta montaña con dificultades para pasar o inverno poden verse abocadas a pechar se non se toman medidas, dado que os animais non teñen que comer.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here