InicioEconomíaO mal tempo minguará a produción de aceite no sur de Lugo

O mal tempo minguará a produción de aceite no sur de Lugo

A recollida da oliva na Comarca de Quiroga estase alongando este ano por mor da climatoloxía adversa que trouxo este outono. Falamos con dous olivicultores, Miguel Ángel Rodríguez e Manuel Mondelo.

Publicado o

- Advertisement -

Antigamente, a recolección das olivas na comarca de Quiroga facíase en xaneiro pero agora este traballo concéntrase a partir de outubro e, sobre todo, no mes de novembro. Manuel Mondelo, produtor que comercializa baixo a marca “Aceiroga” en Bendollo -Quiroga-, dinos que “houbo algún ano que empezamos a traballar a finais de setembro”.

O caso é que este ano estanse complicando os labores de recollida polo retraso na maduración e, sobre todo, por mor das choivas. Está chovendo practicamente todos os días dende hai máis dun mes. Miguel Ángel Rodríguez, produtor de Figueiredo, en Ribas de Sil, coméntanos que “con este tempo non se pode coller a aceituna, é malo para as oliveiras e malo para os traballadores”. Segundo el, non é aconsellable manipular as árbores nestas condicións e resulta moi pesado, e incluso perigoso, traballar sobre mollado.

“O ideal é recollela seca e en bo estado, nunca a do chan porque se leva días caída co paso da choiva estrágase e podrece”

Preguntámoslles pola cantidade recollida ata o momento e queda claro que aínda lles queda traballo por diante para este mes de decembro. Manuel Mondelo comenta que levará recollido un 50% e Miguel Ángel calcula sobre un 30%. En calquera caso, coinciden en que as previsións climatolóxicas para este comezo de decembro son boas e terase que acelerar a recolección das olivas que aínda quedan nas árbores. O ideal é recollela seca e en bo estado, nunca a do chan porque se leva días caída co paso da choiva estrágase e podrece.

Respecto da calidade das olivas que se foron recollendo ata agora, e das que lles chegan para moer -os dous teñen muíño propio e ofrecen o servizo a terceiros- coinciden en que é boa. Falando do grao de maduración, Miguel di que é moi desigual, “está chegando oliva moi madura e oliva aínda verde”, mentres que Manuel Mondelo comenta que “a primeira que me chegou ao muíño foi o 28 de outubro e viña bastante verde”. E engade, “que chegue un pouco verde non é un problema, ao contrario, dálle máis aroma, un color máis claro e fai ao aceite algo máis lixeiro”. De cara ao rendemento, o habitual é que canto máis maduro estea o froito máis cantidade de aceite se obteña considerando que para acadar un litro de aceite cómpren uns 6-7 quilos de olivas de media.

Olivas en avanzado estado de maduración. Foto: XMF

“Os traballos igual se alongarán ata mediados de decembro porque aínda queda moita xente que nin empezou e cada vez hai máis particulares que coidan as oliveiras para ter o seu propio aceite”

Todo indica que na primeira semana de decembro estes dous produtores rematarán a recollida das súas olivas e atenderán tamén aos numerosos colleiteiros particulares que lles levan a moer a súa produción para autoconsumo. Segundo indican, os traballos igual se alongarán ata mediados de decembro porque aínda queda moita xente que nin empezou e cada vez hai máis particulares que coidan as oliveiras para ter o seu propio aceite. Miguel Ángel, que comercializa a marca “centoxcento Figueiredo” e dá servizo de moenda a moitos particulares, comenta que ten moitos clientes de aldeas da contorna, xa sexan de Ribas de Sil como de Quiroga, e tamén de Valdeorras e incluso do Bierzo. “Esta semana e a seguinte serán as de máis carga de traballo para nós”, comenta.

Moedora de olivas de Miguel Ángel Rodríguez en Figueiredo, Ribas de Sil. Foto: XMF

Previsións de produción e prezo do aceite

Adiantándonos un pouco aos acontecementos preguntamos aos protagonistas deste artigo polas previsións de produción para a colleita deste ano. Neste punto a opinión difire nos cálculos dun a outro. Miguel Ángel, de Figueiredo, contempla unha posible baixada dun 50% ou máis da súa produción, e  Manuel Mondelo, de Bodegas Mondelo, sinala que a perda no seu caso poderá chegar a un 15%.

Con este panorama, no que se prevé que saian menos litros de aceite da comarca de Quiroga ao mercado, a pregunta é: Afectaralle ao prezo a baixada da produción deste ano? Mondelo dinos que no seu caso non pensa subir o prezo, asegura que “haxa máis ou haxa menos a min non me afecta”. “Se hai menos venderase menos e xa está”, engade. No caso de Miguel, el entende que a baixada da produción afectará ao prezo final, e non só na comarca de Quiroga, afirma. Segundo el “a produción está resentíndose a niveis de España, hai zonas de Andalucía que tamén están vendo minguada a colleita”.

Chorro de aceite recén elaborado. Foto: XMF

Solicitude D.O. Aceite de Quiroga

Coñecedores da solicitude do Concello de Quiroga para acadar unha D.O. para o Aceite de Quiroga preguntámoslle a Manuel Mondelo, produtor de Bendollo, que opina da tramitación desta distinción de calidade e de orixe. “Valoro moi positivamente a súa tramitación porque servirá para destacar máis, para recoñecer o produto de aquí e haberá máis control”, foi a súa contestación. “O importante é que non entre aceite de fóra e que saian adiante máis empresas de aquí que se dediquen”, engade.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...