Demándase a Monforte como punto estratéxico para a entrada de mercadorías a Galicia

A Cámara de Comercio de Lugo, a CEL, a Cámara da Coruña e a CEC, defenden Monforte como entrada e saída natural de mercadorías á comunidade galega e o "único punto xeográfico preparado, a día de hoxe, para iso, grazas ao seu porto seco."

Estación de tren de Monforte / Galipedia

A Cámara de Comercio de Lugo adhírese ás manifestacións da CEL, Cámara de Comercio da Coruña e Confederación de Empresarios da Coruña sobre o Corredor Atlántico. Coinciden en reclamar que Monforte de Lemos sexa nó loxístico para a entrada de mercadorías por ferrocarril a Galicia.

Sinalan que Monforte é hoxe o concello mellor preparado para esta función, ao contar cunha infraestrutura como o porto seco, que recibiu, no seu momento, “un investimento que non se entendería a día de hoxe desaproveitar”.

Segundo Cámara de Comercio de Lugo, “Lugo como provincia, e Monforte como municipio, xa saíron perxudicados coa decisión de optar por Ourense para a entrada do AVE a Galicia, cando desde o punto de vista xeográfico é Monforte a entrada natural e máis equilibrada á comunidade galega, como así se apreciou na primeira planificación da entrada ao ferrocarril a Galicia, que seguía a configuración en “E” que os empresarios de Lugo continúan defendendo para o transporte ferroviario de mercadorías”.

Desde a Cámara de Comercio de Lugo lembran que os antigos eixos ferroviarios Palencia – Monforte – A Coruña e Palencia – Monforte – Vigo forman parte da denominada rede básica, que poden optar de forma inmediata aos fondos europeos “Conecta Europa” para a súa rehabilitación e conexión co Corredor Atlántico, adaptándoas ao ancho europeo e a electrificación a 25 KV para empezar a soportar tráfico de forma inmediata.

Esta realidade, xunto coa plataforma loxística do porto seco, permitirían unha máis rápida, económica e eficiente configuración do transporte ferroviario de mercadorías a Galicia, garantindo o equilibrio territorial na súa distribución, e tamén unha ferramenta para a loita contra o illamento e o despoboamento no interior da comunidade.

Porto Seco Monforte / ingestin.com

Lembran ademais, tal e como xa se manifestou tamén desde a CEL e outras entidades empresariais da Comunidade, a incompatibilidade entre as vías do AVE e as do tráfico de mercadorías ou o peso de portos por tráfico de toneladas é o do norte da comunidade, A Coruña e Ferrol, aos que non se podería acceder con rapidez se non é polo nó de Monforte.

Insisten en que, realmente, a única vía de entrada pola que non se discrimina a ningún punto de Galicia é Monforte de Lemos, municipio situado estratexicamente preto do centro xeográfico natural de Galicia e, polo tanto, punto equidistante co resto dos puntos xeográficos da comunidade. Confían en que desde Galicia faga fronte común por parte de todas as institucións para garantir o investimento en Monforte como punto estratéxico para a entrada de mercadorías na Comunidade, sen prexuízo doutros investimentos adicionais no futuro.

Acceso Porto Seco Monforte / Paulino C.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here