O Concello de Quiroga traballará para elaborar un rexistro de oliveiras

O gran interese que esperta na zona a recuperación do cultivo das oliveiras e a elaboración de aceites de gran calidade está provocando movementos relacionados coa ordenación e o censo de parcelas destinadas a este fin.

Oliveira de Quiroga / XdL

Os titulares de fincas con oliveiras de Quiroga foron convocados a unha reunión informativa na Casa da Cultura este xoves día 12 ás 20:00 h. para avaliar a posibilidade de elaborar un rexistro oleícola. A convocatoria parte da Área de Servizos Agrarios de Monforte, Consellería do Medio Rural, e ten como finalidade coñecer a singularidade do cultivo na zona, ordenar e rexistrar correctamente as oliveiras e a extensión que ocupan na comarca de Quiroga.

Segundo nos comenta Isidoro Nogueira, enxeñeiro técnico municipal, “hai un gran potencial neste sector e non temos información das fincas destinadas ao cultivo das oliveiras”, engadindo tamén que “atopamos moitas fincas que teñen plantadas oliveiras e miras no catastro e non figuran”.

Esta reacción administrativa para tratar de ordenar o sector parte dos movementos creados dende entidades como a APAG (Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia) que buscan a concesión dunha IXP (Indicación Xeográfica Protexida) para o aceite de Galicia. Trasladado e estudado este interese pola Consellería de Medio Rural chegouse á conclusión de que non se pode empezar a casa polo tellado e que o primeiro que cómpre facer é rexistrar as fincas con oliveiras porque habendo moitas plantadas case un 80% están sen declarar ou rexistrar. Tanto o Presidente da APAG, José Antonio García como a conselleira Ángeles Vázquez chegaban a este punto en común.

Así, pois, os primeiros pasos a dar para que as oliveiras se “visibilicen” e se poda considerar e recoñecer o oliveiral galego pasan por elaborar un rexistro que dea veracidade e oficialidade ao mesmo. Para iso pensouse en crear un rexistro oficial no cal os emprendedores e particulares poden dar de alta as súas fincas como oliveirais informando tamén do número de oliveiras que teñen e incluso a extensión da propiedade.

Recolección de olivas / Foto: Pedro Ivedo

Isidoro dinos que o Concello de Quiroga está pola labor indicando que “é un importante traballo que cómpre acometer e axudaremos á Consellería de Medio Rural a elaborar ese rexistro” e engadindo “será de utilidade para a Consellería pero tamén para o Concello, interesado sempre en potenciar o cultivo de aceite na zona”.

A sesión informativa deste xoves vai encamiñada, pois,  a informar aos quirogueses con oliveiras en propiedade deste proceso de rexistro e dos beneficios que traerá para o sector de cara a ordenalo e tamén de cara a valorizalo. Nesta primeira reunión, ademais da información, colleranse xa datos sobre o número de oliveiras e tamén se é posible da extensión das parcelas nas que están plantadas. Será unha declaración particular de cada propietario e pasará a un rexistro xeral para inventariar e ordenar o sector.

Na reunión estarán presente, pois, a Consellería de Medio Rural con varios técnicos do Agader e en representación do Concello de Quiroga, o alcalde Julio Álvarez e Isidoro Nogueira, Enxeñeiro Técnico Municipal.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here