25.000 euros en axudas no Folgoso do Courel para reactivar a actividade económica

O Concello de Folgoso do Courel fai públicas as bases do Plan de Axuda á Reactivación da Actividade Económica do municipio como consecuencia da declaración do estado de alarma. As axudas sairán publicadas no BOP o día 22 de xullo e haberá 10 días hábiles para poder solicitalas.

alcaldesa de Folgoso do Courel / concello Folgoso do Courel

O concello de Folgoso do Courel articulou unha liña de axudas extraordinaria dotada con 25.000 euros para actuacións no ámbito económico, mantemento da actividade económica e dos seus postos de traballo en negocios de empresarios/as e autónomos/as, ben por peche temporal ou por minoración ostensible da súa actividade.

Estas axudas serán compatibles con calquera outra subvención, sempre e cando o importe total das axudas que se perciba non supere as perdas económicas derivadas da Covid-19 e os gastos necesarios para adecuación de locais para a reapertura dos seus negocios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas traballadoras por conta propia e as micropemes que reúnan os seguintes requisitos:

  • Terse visto afectados como consecuencia da declaración do estado de alarma para a xestión da Covid-19, ben por peche temporal da actividade ou por minoración ostensible da súa actividade que supoña unha caída de máis do 75 % dos seus ingresos en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma. 
  • Cando a persoa física ou xurídica non leve de alta os seus meses naturais esixidos para acreditar a redución dos ingresos, a valoración levarase a cabo tendo en conta o período da actividade.
  • Que a actividade afectada polo peche temporal non se teña visto compensada por un incremento da facturación mediante un aumento do volume de negocio online ou telefónico da persoa solicitante.
  • Que teñan o seu domicilio fiscal da actividade no municipio de Folgoso do Courel e radique no mesmo o centro de traballo afectado.
  • Que estean ao corrente de pago das súas obrigas tributarias e non tributarias co Concello de Folgoso do Courel e con outras administracións.
  • No caso de autonómos/as, estar afiliado como autónomo e coa alta en vigor na data da declaración do estado de alarma (14 de marzo de 2020).
  • No resto dos beneficiarios, estar legalmente constituídos e inscritos nos rexistros correspondentes, así como os dados de alta no Réxime de Seguridade Social ou Mutualidade que corresponda, na data da declaración do estado de alarma (14 demarzo de 2020).

Actuacións obxecto das axudas

Serán actuacións obxecto das axudas: as cotas de autónomo, os gastos de persoal contratado, gastos de arrendamento de locais, gastos de mantemento de subministracións, maquinaria, instalacións e equipos adscritos directamente á actividade que se viña desenvolvendo, equipamento informático, tecnolóxico e formación relacionada coas novas tecnoloxías, asistencia externa para labores de desinfección de equipos, consultoría ou asistencia para dar resposta á situación, gastos a primas de seguros da actividade, pagos vencidos a provedores da actividade. O importe máximo da axuda será de 1.000 euros. O procedemento de concesión será o de concorrencia competitiva. 

Os solicitantes que non sexan obxecto da subvención por esgotarse o crédito quedarán en reserva á espera dunha posible ampliación do orzamento destinado a esta convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles desde a publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, o día 22 de xullo. As persoas beneficiarias comprométense, entre outros requisitos, a manter a actividade como mínimo durante 6 meses a partir da resolución da concesión das axudas e a manter a plantilla media de traballadores.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here