Novas edificacións para enoturismo incentivadas polo GDR Ribeira Sacra Courel

O GDR Ribeira Sacra Courel concede axudas a 19 proxectos que supoñen un investimento de 937.000 euros e reciben axudas Leader por importe de 486.000 euros. Os proxectos empresariais que reciben axudas crearán 7 postos de traballo.

Pazo de la Cuesta / GDR Ribeira Sacra Courel

A xunta directiva do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra Courel vén de resolver a cuarta concesión de axudas do programa Leader 14-20 que xestiona o GDR nos 13 concellos que o integran: Bóveda, Folgoso do Courel, O Incio, A Pobra do Brollón, Quiroga, Monforte de Lemos, As Nogais, Pantón, Ribas de Sil, Samos, O Saviñao, Sober e Triacastela.

Nesta resolución concedéronse axudas a 19 proxectos que supoñen un investimento de 937.000 euros e reciben axudas Leader por importe de 486.000 euros.

9 dos proxectos son non produtivos, promovidos polas entidades públicas, cun investimento total de 447.000 euros que recibirán de axudas Leader 260.000 euros.

GDR Ribeira Sacra Courel

Colabórase con 4 proxectos non produtivos promovidos por entidades privadas que investirán 38.000 euros e recibirán 15.000 euros de axudas.

GDR Ribeira Sacra Courel

Finalmente hai 6 proxectos produtivos cun investimento de 452.000 euros que reciben 211.000 euros de axudas. Estes proxectos empresariais contribuirán á creación de máis de 7 postos de traballo e á consolidación de máis de 11 postos xa existentes. Neste apartados destacan pola súa inversión e creación de emprego 3 proxectos en Ribas de Sil e Triacastela. Por unha banda a rehabilitación de edificacións auxiliares ao Pazo de la Cuesta para enoturismo cun investimento de 170.000 euros recibe unha subvención de 82.000 euros. Este proxecto desenvólvese en Ribas de Sil o mesmo que o de ampliación de nave e adquisición de equipamento para quebrado de madeira, cun investimento de 81.000 que recibe unha subvención de 32.600 euros. En Triacastela o proxecto dunha tenda no Camiño de Santiago, de produtos agroalimentarios locais e degustación recibe 47.000 euros de axudas para un investimento de 95.000 euros.

Desde o 2017 ata a actualidade o GDR Ribeira Sacra Courel  leva aprobados 115 proxectos cun investimento total de máis de 6.500.000 euros que reciben axudas Leader por importe de 3.248.000 euros. A maior parte dos investimentos déronse nos proxectos empresariais de carácter produtivo que crearon 47 postos de traballo e consolidaron 301 postos de traballo existentes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here