Monforte incrementa o seu orzamento en case un 10% e chega a 14.892.364 euros

Os Orzamentos do Concello de Monforte para 2021 ascenden a 14.892.364,96 euros, fronte ós 13.603.301,64 euros do ano 2020. Esta cifra supón un incremento de 1.289.063,32 euros, con respecto ó ano 2020, o que representa un 9,48% máis.

Casa Consistorial Monforte / Concello de Monforte

Capítulo 1 destes orzamentos corresponde ó persoal, e neste senso, baixa o gasto en 36.027,25 euros, un 0,8%, debido a xubilacións con soldos importantes e, nalgún caso, xa non se cubren, e noutros, o persoal eventual que substitúe non percibe antigüidade, polo cal hai menos gasto, sendo a partida total para o 2021 de 4.466.716,73 euros.

No Capítulo 2, correspondente ó gasto corrente, increméntase en 746.844,36 €, o que representa un incremento do 10,70%, debido basicamente ó custe da piscina municipal, ó incremento de axuda no fogar, a limpezas e desinfeccións motivadas polo Covid-19, e pola compra de material para facer fronte a esta pandemia, así como en previsión de adquisición de novo material segundo evolucione a pandemia en 2021. A partida total neste capítulo 2 é de 7.725.600,34 euros.

No Capítulo 4, relativo a subvencións e transferencias, redúcese en 96.750,72 euros, o que significa unha redución de 8,59%, e isto é debido a que gastos que antes estaban no Capítulo 4 agora pasan ó Capítulo 2. Así, a partida total para este capítulo 4 é de 1.029.423,27 euros.

No referido ó Capítulo 6, que recolle as inversións, o Alcalde destacou que merece unha mención especial posto que para o ano 2021 incrementarase en 910.352,20 euros, o que representa unha subida do 153,07 % do investimento de inversión, cunha partida para 2021 de 1.505.100 euros. “Isto demostra o compromiso deste Alcalde e deste Equipo de Goberno de seguir transformando Monforte, facendo obras que melloran o conxunto do Concello, tanto na zona urbana como na zona rural”.

No Capítulo 7, referente a transferencias de capital a administracións, redúcese en 235.221,48 euros, debido a que baixa a aportación que o Concello ten que facer con cargo ó convenio de saneamento asinado coa CHMS e a Deputación de Lugo, que se está executando nestes momentos na rúa Chantada, entre outras. Isto é debido a que no 2020 a aportación do Concello foi de 382.746,11 euros, e o Concello en 2021 ten que aportar 153.524,63 euros a este Capítulo 7, o que supón un descenso do 60,51%.

O orzamento para 2021 aumenta en 1.289.063,32 euros, o que representa un incremento de preto dun 10%, en concreto un 9,48 %.

Débeda cero

O Alcalde salientou que o Concello continúa con débeda cero e “sen previsións de ningún préstamo, e a pesar disto, temos un nivel de investimento moi alto para poder financiar as obras que vimos realizando”. 

“Polo tanto, os monfortinos e monfortinas empezaremos o ano 2021, tal e como fixemos no ano 2020, libres de débedas no Concello, sendo un dos poucos concellos de España onde os seus cidadáns non teñen débeda pública”.

“En definitiva”, concluíu o Alcalde, “son uns bos orzamentos que manteñen as liñas xerais de anos anteriores procurando reducir o máximo o gasto corrente para atender outras áreas de gasto que para nos son prioritarias como son a atención as persoas, a mellora da cidade, o deporte, a cultura ou o medio ambiente”.

“Como se pode ver, son uns presupostos claramente sociais pensados para dar un  mellor servizo a tódolos veciños de Monforte, e  por todo isto, esperamos que o resto dos grupos municipais tamén apoien co seu voto este orzamento que levaremos o Pleno do vindeiro luns 30 de novembro, un orzamento que é bo para Monforte.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here