Máis de 6 millóns de euros para as Comarcas de Sarria, Chantada, Lemos e Quiroga

A Deputación de Lugo investirá, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2021, a cantidade de 6.150.998,34 euros na zona sur da provincia que cubre Xornal de Lemos. Os concellos teñen agora ata o día 12 de febreiro para presentar os seus proxectos.

José Tomé Roca na Deputación de Lugo. Foto: Prensa D. Lugo

As bases do Plan Único 2021 xa foron aprobadas no Pleno de decembro de 2020, e o 12 de xaneiro abriuse o prazo para que os 67 concellos da provincia presenten os proxectos a financiar con estes fondos provinciais. As entidades locais terán un mes, ata o día 12 de febreiro, para presentar as propostas que consideren, co cal despois contarán con máis tempo para desenvolvelas e acometer as diferentes actuacións.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que os concellos percibirán este recursos económicos para manter e mellorar servizos e infraestruturas, fomentar o emprego e impulsar o tecido produtivo e asociativo, entre outras actuacións encamiñadas a atender as necesidades dos seus veciños e veciñas.

O Goberno Provincial decidiu subir este ano o Plan Único ata os 21,5 M de euros para o total de concellos da provincia, e nesta liña José Toméexplicaba “dentro do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos, cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”. Abondando no anterior comentou tamén, como novidade, que “decidimos abrir unha nova liña para paliar o impacto da Covid-19, e, nesta ocasión, volvemos a incorporar melloras, de cara a un ano no que os concellos necesitan maior colaboración para combater a crise provocada pola pandemia e favorecer a recuperación social e económica”.

Será a primeira vez dende que existe este programa provincial de investimentos que se aprobaron as bases no ano anterior ao seu período de vixencia, algo “moi importante para os concellos, porque lles permite traballar con moita maior previsión, poderán empezar as obras nos meses de primavera e verán, a época máis axeitada para facelo, e tamén terán máis tempo para executar as actuacións que financian con cargo ao Plan Único”, explicou o Presidente.

APOIO AO SECTOR SERVIZOS

Outra das novidades do Plan Único 2021 é que, dentro da liña COVID, ábrese unha nova vía de apoio ao sector servizos: hostalería, turismo e comercio, actividades que resultaron das máis gravemente afectadas polo impacto da pandemia e que son o músculo da actividade económica da provincia.

DISTRIBUCIÓN DE FONDOS POR COMARCAS E CONCELLOS

A Comarca de Sarria ten asignados 2.107.257,79 euros, á de Lemos correspóndenlle 2.075.749,17 euros, a de Chantada disporá de 1.116.788,64 euros, e Quiroga terá 851.202,74.

Por Concellos, o reparto de fondos quedará desagregado do seguinte xeito:

Comarca de Sarria: Concello de Láncara 298.059,72 euros; Paradela 287.827,16; O Páramo 246.371,10; Samos 281.445,67, Triacastela 202.441,11, O incio 291.113,03; e Sarria 500.000 euros.

Comarca de Lemos: Concello de Pantón 332.813,29 euros; A Pobra do Brollón 286.865,88; O Saviñao 384.169,06; Sober 325.369,04; Bóveda 246.531,90; e Monforte de Lemos 500.000 euros.

Comarca de Chantada: Concello de Taboada 329.540,17 euros, Carballedo 316.785,63, e Chantada 470.462,84 euros.

Comarca de Quiroga: Folgoso do Courel 269.684,87 euros, Ribas de Sil 229.902,47, e Quiroga 351.615,40 euros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here