Quiroga presume de mel

O dez de agosto ten lugar a Mostra do mel de Quiroga, un dos eventos gastronómicos xa clásicos do concello que coincide coa celebración das festas patronais de agosto.

Pedro Soto Losada e a súa dona. Foto: Pedro Soto

Este encontro de apicultores da comarca, produtores que aproveitan para dar a coñecer e comercializar este alimento tan prezado e saudable, está encaixado no programa de actividades das festas de verán e cadra ademais coa feira e mercado mensual do dez de Quiroga. Dende o concello trátase, dende hai xa moitos anos, de potenciar un mel que ten sona de alta calidade pola climatoloxía e a variedade floral que hai na zona.

Para esta XXVII edición seis serán as/os apicultores participantes con caseta propia: Isabel Marcos López de A Ponte Rodela, Manuel Macía González das Estradas, Ángel Gómez Martínez de Paradapiñol, Pedro Soto Losada do Ibedo, Manuel Macía Castiñeira de Quiroga e Rubén Figueroa López de Sequeiros.

O produtor Pedro Soto coméntanos que este ano o mel é moi bo pero hai pouca cantidade. As posibles causas de que o mel “vaia a menos”, segundo el, están no mal tempo que veu xusto na floración e enfermidades descoñecidas que fan morrer as colmeas. Láiase de que están morrendo moitas abellas e non se sabe con precisión os motivos, á hipótese anterior súmalle a do uso incontrolado de pesticidas. Engade tamén que a velutina non incide de momento nas mortes que se están a dar nesta zona.

Cartel Mostra do Mel 2018

Ás 12:00 h. está programada a inauguración do recinto feiral e ao longo da xornada na que dura a feira do mes da localidade haberá intervención musical  a cargo do Grupo Tradicional local Os Palletas. Ademais do mel os visitantes poderán degustar e mercar outros produtos gastronómicos da zona.

programa das festas de verán

Para o propio día dez, como actividades do programa festivo de verán, terán lugar pola tarde o IV Torneo “Street Soccer” e a XIII Festa da Comunidade pola noite, ambos no Parque da Constitución.

De cara á fin de semana, o sábado haberá un espectáculo de rúa, “Hakuna Matata” a cargo de Troula Animación, a actividade “pinta con xiz” e verbena; e como fin de festas, o domingo actuación da Banda de Música de Chantada, maxia a cargo do Mago Martín Camiña e á noite o gran concerto do grupo tradicional Treixadura.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here