Chantada reparte 50.000€ co Bono Comercio

O Concello de Chantada pon en marcha unha serie de axudas incluídas no programa Bono Comercio do Concello de Chantada, destinado a potenciar as compras no municipio, apoiando aos fogares e aos establecementos adheridos a este programa.

Concello de Chantada / XdL

O programa pretende potenciar a reactivación económica do tecido comercial e o consumo local, contribuíndo, deste xeito, a paliar os efectos da COVID 19. Tamén se quere captar e fidelizar novos clientes ademais de sensibilizar aos consumidores da importancia de realizar as súas compras no comercio de proximidade.

Para este fin o concello conta cun crédito de 50.000€ pertencente ao orzamento deste ano. Os bonos distribuiranse entre a poboación empadroada no concello e terán carácter único e non acumulativo, de tal xeito que só se concederá unha axuda por unidade familiar:

  • Domicilios de 1 e 2 membros, 2 bonos por vivenda de 25€.
  • Domicilios de entre 3 e 4 membros, 3 bonos de 25€ por vivenda.
  • Domicilios de 5 ou máis membros, 4 bonos por vivenda de 25€.

As axudas concederanse por orde de rexistro de entrada ata o límite do crédito dispoñible e será imprescindible estar empadroado no Concello de Chantada e non estar incluso en ningunha causa de prohibición para obter as condicións de beneficiario da subvención.

Poderán participar no Programa Bono Comercio 2021 os titulares de establecementos que se subscriban sempre que exerzan a súa actividade no Concello, agás os establecementos de hostalería e os grandes supermercados. Non se financiarán bebidas alcohólicas nin tabaco.

Na páxina web municipal publicarase un listado dos establecementos que se teñan adherido ao programa, desde ese momento haberá 10 días naturais para recoller os bonos presencialmente nas oficinas municipais.

O consumidor deberá entregar o bono no establecemento elixido e no caso de devolucións de produtos, non se devolverá o importe en metálico senón que o establecemento entregará un vale para cambiar por futuras compras. Os bonos poderán ser utilizados dende a súa entrega ata o 31 de xaneiro de 2022. A presentación das solicitudes realizaranse no Rexistro do concello antes de 5 días hábiles a contar deste este venres. O solicitante deberá aportar a seguinte documentación:

  • Modelo normalizado de solicitude de acordo co Anexo II das bases que regulan a subvención
  • Fotocopia do DNI de todos os empadroados na vivenda ou, no seu caso, do Libro de Familia.


DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here