As alternativas turísticas que ofrece a Ribeira Sacra son inesgotables

Paseos en segway, visitas ao Courel, participar nas vendimas, nas podas de cepas ou na recollida de olivas na zona de Quiroga...

Ruta en segway/Enoturismogalicia.es

Amparo Montenegro, xerente da empresa quiroguesa dedicada ao turismo, Enoturismo Galicia, ofreceu este verán unha nova alternativa ao turismo de interior; os paseos en segway.

Como xorde a idea de introducir o segway na Ribeira Sacra?

A empresa comezou a súa andaina no 2013 e desde o primeiro día tentamos ofrecer aos visitantes e veciños alternativas diferentes para coñecer os recursos naturais que temos no sur lucense. Sempre apostamos pola innovación e a verdade e que a xente sempre respostou ben. Deste xeito, a mediados de xullo foi cando trouxemos os segway para amosar o noso patrimonio natural e paisaxístico.

E que tal foi a acollida desta novidade?

Moi boa. Si é certo que por causas de forza maior non puidemos facelo ata mediados de xullo, pero a verdade é que a xente que proba está encantada. Ao principio hai xente reacia a probar porque teñen algo de medo pero unha vez subidos neles, o concepto cámbialles por completo.

Como se pode dar un paseo pola Ribeira Sacra en segway?

Sempre traballamos previa reserva na nosa páxina web. Os segway pódense coller na praza de Doade. Sempre vai ir un guía turístico cos visitantes e escoller a alternativa que máis desexe. Ou ben paseo en segway ata o miradoiro Pena do Castelo, paseo ao miradoiro e visita a unha adega e degustación de caldos ou ben unha ruta polos viñedos e posterior visita a unha adega e degustación.

Que valoración fas do turismo nos 5 anos que levas coa empresa?

A verdade é que fago unha valoración moi positiva. Cada día vén máis xente a visitarnos e sempre marchan moi contentos.

Eu considero que o traballo que fan as administracións promocionando a Ribeira Sacra máis o que facemos as empresas privadas están dando os seus froitos. É un camiño longo e sobre todo lento, pero pouco a pouco nótanse cambios moi substanciais no tocante ao turismo.

Segue sendo o verán a época preferida para viaxar?

Xa non tanto. Nós ofrecemos actividades que se poden facer todo o ano como pode ser unha poda, unha vendima, pisar as uvas ou recoller olivas. Estas son actividades estacionais e polo tanto a xente que queira vendimar se vén en xullo iso non o pode facer.

Cada o turista afástase máis dos meses estivais e viaxa ao longo do ano. Tamén é certo que en decembro e xaneiro nótase un descenso de visitantes pero é normal.

Pensa que agora estamos na época das vendimas e chega o outono. Os Canóns do Sil e do Miño vólvense de cor amarela, marrón e vermella polo cambio de estación. Ver iso é unha marabilla que non se pode perder un por moito que lle guste o verán.

Outro exemplo claro de que o verán xa non é a época ideal para viaxar é O Courel. Se pensamos nas montañas do Courel nevadas, apetece moito máis visitalas no inverno que cando fai 30 graos.

E os da terra valoran o que teñen tanto como os de fóra?

Non. Considero que hai moita xente que non valora realmente todo o que temos. Ti pensa cando lles digo aos adegueiros que lles vou levar xente para podar e que por enriba van pagar. Iso aínda é difícil de entender. A xente vén pagando a traballar.

Para nós a vendima é algo máis pero para os turistas non. E como é algo normalizado na zona, aínda costa entender que haxa xente que pague por facelo e que por enriba, lles guste.

Outro exemplo claro é cando se fai o aceite e se recolle a aceituna en Quiroga. Na zona é normal ver este froito pero realmente non valoramos os recursos que temos para poder telas.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here