InicioEconomíaRecta final do ‘Estase cocendo’ coas ‘Meigas’ como protagonistas

Recta final do ‘Estase cocendo’ coas ‘Meigas’ como protagonistas

A Ribeira Sacra encamiña a última semana do mes dedicado a un dos pratos estrela da comarca, o cocido de Entroido. Os establecementos ofrecen tapas e menús temáticos atao 27 de marzo mentres o sábado 26 terá lugar a última visita guiada e as Meigas ‘tomarán’ Monforte.

Publicado o

- Advertisement -

O programa do evento, organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) co patrocinio da Deputación de Lugo, comezaba o pasado 26 de febreiro cun amplo programa de actividades: Visitas guiadas por Monforte cada sábado,  unha quedada de motos o pasado día 20 de marzo e o “Cocido das Meigas” programado para o día 26 de marzo.

No que respecta ás visitas guiadas dos sábados, estas teñen como punto de partida os Escolapios, ás 11:00 horas, e incluen unha degustación de viño DO Ribeira Sacra. Para saber como están indo estas visitas falamos con Beatriz Vila Freire, delegada da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (Apehl) nesta zona. Dinos que a xente foise animando e está vindo bastante xente de fóra, “recibimos xente de Coruña, de Pontevedra, de Soria… máis xente de fóra que do propio Monforte”. E de cara a este vindeiro sábado 26 xa teñen, por exemplo, unha reserva dunhas 20 persoas dunha excursión. “Para levar dous anos de parón co Estase Cocendo e as actividades, non nos podemos queixar”, expresa Beatriz.

Visita guiada na Praza Dr. Goyanes. Foto: Apehl

En canto á degustación do prato estrela, o cocido, tamén se nota movemento, saen reservas e incluso hai clientes que están reservando para levar á casa. Así nolo fai saber a delegada da Apehl nesta zona sur da provincia ao tempo que nos convida a aproveitar eses últimos días para facer reservas e degustar as saborosas elaboracións, xa sexan relacionadas co porco como cos gustosos doces. Para poñernos os dentes longos pásanos unhas fotos de pratos e tapas que prepararon os establecementos adheridos estes días.

Doces da panadería e confitería Moure en Monforte. Foto: Apehl

O pasado día 20 foi a ‘quedada de motos’, outra actividade que anima o mes do ‘Estase cocendo’. Un total de 18 motos chegaron a Monforte, menos que na última vez que se fixo antes da pandemia. “Estamos saíndo da pandemia e non está mal de todo a participación, tendo en conta ademais outros inconvintes como son o prezo dos carburantes e que ese día había unha competición de enduro en Pantón”, refire Beatriz.

“Quedada de motos”. Foto: Apehl
Moto participante cun pano do Estase Cocendo. Foto: Apehl

COCIDO DE MEIGAS

Esta actividade está prevista para o vindeiro sábado 26 de marzo. A idea é crear outro atractivo, neste caso relacionado co mundo das Meigas, e co tempo consolidalo como un referente en Monforte e na Ribeira Sacra.

A visita guiada dese día xa terá como protagonistas a 3 meigas, as dúas guías profesionais e a mesma Beatriz Vila. Ademais, 20 comercios de Monforte involucraranse decorando os seus negocios e caracterizándose as e os titulares dos mesmos, así como tamén o colectivo de taxistas Radio Taxi que se disfrazarán con elementos do mundo das bruxas.

E xa pola tarde, a partir das 20:00 h., a Praza de España de Monforte será o escenario dun aquelarre de Meigas. Unha concentración de Meigas que estará acompañada pola música de Batucada Creativa. A continuación do encontro, farán unha procesión ata o Parque dos Condes, lugar onde se procederá á lectura do “Manifesto das Meigas” e á proclamación da “Meiga maior do Estase Cocendo 2022”.

O xurado está formado pola xornalista Lorena Gallardo, Mª Luisa Sobrino –delegada da Asoc. Española contra o Cancro en Monforte– e Pilar Rodríguez, artesá de En Lá. O premio para a caracterización gañadora consistirá nun agasallo da tenda de artesanía En Lá, unha vasoira dourada e a cinta típica das mises que a recoñeza como “Meiga maior do Estase Cocendo 2022”.

Esta actividade pode resultar moi vistosa e anima á participación. Neste senso, Vila coméntanos que “a idea é que cada ano vaia a máis e para a vindeira edición poder facer ao remate do aquelarre unha cea todas xuntas, e tamén que se vaia consolidando en Monforte este día como o ‘Día das Meigas”.

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...