O Polígono Industrial de Chantada comeza a ver a luz

As continuas avarías eléctricas no PI Os Acivros de Chantada fan que a Asociación de Empresarios leve tempo reclamando solucións. Nesta mesma semana emitían un comunicado esixindo medidas a Naturgy e este luns día 19, finalmente, reuniranse os afectados co responsable para Galicia de Unión Fenosa Distribución.

Polígono Os Acivros / arquivo

O Polígono Industrial Os Acivros de Chantada botou a andar no 1986, segundo o Presidente da Asociación de Empresarios, Néstor Quiroga, “xa desde aquela ten habido microcortes continuos, baixadas de tensión,… eu recórdoo desde sempre. Non é de agora, pero agora co aumento das empresas que está habendo no polígono, a situación complícase”.

No 2013 fíxose unha ampliación do Polígono e na actualidade conta con 21 empresas. As avarías eléctricas recorrentes interfiren na realización da súa actividade e repercuten na súa produtividade. “Estáselles producindo un perxuizo ás empresas que están alí establecidas, teñen que facer paros na súa actividade e a maquinaria tamén sofre con estas caídas de tensión e suponlle un gasto máis ás empresas”.

Nestor Quiroga / Asoc. Empresarios Chantada

A compañía eléctrica é coñecedora da situación desde fai moitos anos porque ademáis da Asociación de Empresarios, as empresas a nivel particular xa levan posto queixas, sobre todo por averías nas máquinas coas caídas de tensión. “A empresa suministradora é coñecedora deste problema e queremos que se faga cargo, que están  moi hábiles para algunas cousas pero para solucionar problemas xa lles costa máis. Unión Fenosa Distribución é a responsable da liña e quen nos cobra polo servizo y Naturgy é a responsable da comercialización, calquera delas ten que facerse cargo desde problema, poñerse as pilas e solucionalo”, apunta Néstor Quiroga.

As queixas deron resultado, e polo momento, este luns vaise celebrar unha xuntanza entre representantes dos afectados e o responsable para Galicia de Unión Fenosa Distribución.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here