O Craega, con sede en Monforte, gañador do XIX Premio Aresa

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia foi o galardoado do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2018 pola posta en marcha dun proxecto multisectorial e o seu papel na expansión da agricultura ecolóxica.

Revelación do gañador do Premio Aresa 2019. Fonte: Transmedia Comunicación

O Premio Aresa foi creado no ano 2000 por esta empresa en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de premiar a unha persoa, empresa ou institución que teña contribuído dun xeito especial á mellora do ámbito rural galego.

Ademais do CRAEGA, o resto de candidatos eran: Asoporcel, Galo Celta, Atelier Bisqato, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida DOP Cebreiro, Miceltia, o Sistema de deshidratación alimentado por enerxía solar para produtos agroalimentarios, a Cátedra do pan e do cereal e o Proxecto H2GZ Raising Water Para e Por Galicia.

O xurado, integrado polo reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva Rodríguez; o director xeral de Capsa Food, José Armando Tellado Nogueira –a través de videoconferencia-, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, reuniuse o xoves 10 de xaneiro para avaliar as dez candidaturas presentadas. Ese mesmo día deron a coñecer o nome do galardoado nunha conferencia de prensa celebrada no vicerreitorado do Campus lucense.

A candidatura do Craega foi escollida por unanimidade por cumprir con todos os requisitos do Premio sendo José Manuel Silva Rodríguez, exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, o que destacara tres razón principais que decantaron o seu pronunciamento: : “Facer que a agricultura ecolóxica sexa un dos motores do desenvolvemento rural, cunha especial resposta á demanda de consumo en Galicia, defender un proxecto de control e regulación da produción de maneira multisectorial, e lograr que a agricultura ecolóxica sexa unha das causas principais para a maior implantación de mozos no mundo rural e agrario”.

O reitor da USC, Antonio López, recoñeceu a calidade do resto de propostas presentadas e convocou aos presentes para a gala do 8 de marzo no Auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo. Alí terán lugar os honores oportunos ao Craega, acto no que recibirá tamén o diploma e os 10.000 euros cos que está dotado o premio.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here