Manola Porto, “unha xornalista como a copa dun piñeiro”, madriña do Cume Tapas 2018

Esta tarde presentouse no Centro do Viño o concurso de tapas de Monforte, certame que terá lugar do 26 de maio ao 10 de xuño e este ano chega á súa décima edición.

Presentación Cume Tapas 2018 no Centro do Viño da Ribeira Sacra / XdL

A xornalista Manola Porto será este ano a madriña do Cume Tapas 2018. Un evento que foi presentado este venres  e contou coa presenza de Eduardo Vidal, representante da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Cheché Real, Presidente da APEHL (Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo), José Tomé, alcalde de Monforte, Paloma Vázquez, Delegada Provincial de Turismo da Xunta de Galicia e a propia Manola Porto, delegada de Onda Cero en Monforte. Moderou e presentou a xornalista de Televinte, Lorena Gallardo.

As diferentes autoridades presentes no acto eloxiaron a organización do concurso, a súa excepcional localización na capital da Ribeira Sacra, o esforzo e profesionalidade dos hostaleiros que fan posible cada ano o Cume Tapas e tamén o seu potencial atractivo para atraer turistas á zona.

Entrando en valoracións persoais o alcalde de Monforte José Tomé centrou parte do seu discurso en eloxiar á madriña do evento, Manola Porto. Dela dixo “sobran os cualificativos, creo que a organización acertou ao escollela a ela este ano como madriña do Cume Tapas” e engadiu “unha profesional como a copa dun piñeiro e amiga persoal dende hai moitos anos”. Eduardo Vidal felicitou aos hostaleiros polo seu bo facer e a creatividade que demostran cada ano e incidiu en felicitar tamén á organización polos dez anos acadados con esta edición.

A delegada provincial de turismo, Paloma Vázquez, chegou tarde ao acto, na recta final da presentación e case para a foto. O único que comentou, xa pechando practicamente o evento, foi que Manola é unha persoa excepcional e que para ela chegar a Monforte e saber que a recibe Manola é unha garantía de seguridade. E engadiu “Manola, máis que unha madriña é unha madraza”.

Pola súa parte, Cheché Real entrou xa en detalles do Cume Tapas deste ano, avanzou que, entre as novidades deste ano, haberá un premio á mellor tapa infantil e á tapa máis saudable e que o público poderá asistir á final do certame onde se deciden os gañadores. E non só poderán asistir se non que poden levar a súa propia creación para que valore o xurado profesional que dará 3 premios a estes atrevidos concursantes afeccionados. Como en edicións anteriores haberá un xurado profesional, encabezado polo chef Quique Rodríguez, recente embaixador na Festa do Melindre e coñecido xa deste concurso de tapas monfortino, e un xurado popular que representarán todos os participantes que proben e voten as creacións dos vinte establecementos monfortinos participantes. As tapas teñen un custe de 1,50 € e os participantes que completen os cartóns correspondentes optarán a interesantes premios. Tamén se repetirá o concurso de fotografía con dous premios, o de mellor foto de tapa e o mellor álbum de fotos de diferentes tapas que se suban ás redes sociais.

Foto final dos particpantes no acto co delantal do Cume Tapas / Foto: APHEL

Como remate da súa intervención tivo tamén palabras de eloxio para a responsable da organización e da asociación de hostaleiros no sur de Lugo, Beatriz Vila e tamén para a madriña do certame gastronómico. De Manola dixo que ten unha traxectoria que a avala como a gran comunicadora que é, que representa como ninguén aos medios de comunicación locais e que este nomeamento é tamén como unha pequena homenaxe . “Manola Porto é a voz da comarca e tamén da APEHL e para min é un gran pracer nomearte hoxe como embaixadora do Cume Tapas” expresou finalmente Cheché Real.

A protagonista, Manola Porto, agradeceu a todos os establecementos hostaleiros a súa participación, destacou a mellora ano a ano na calidade e creatividade indicando que cada ano está o listón máis alto. Agradeceu á organización o nomeamento e convidou a monfortinos e visitantes a “tapear” e tomar viños en Monforte. Tapas, que segundo ela, “axuden a confraternizar a veciños e hostaleiros”. E no final da súa intervención, con certa emoción, dixo “disfrutade moito e saíde de tapas. Longa vida ao Cume Tapas!”.

O acto finalizou cun vídeo representativo dos dez anos de concurso, a intervención musical do violinista monfortino Yoan Grudikov e un ágape para os asistentes.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here