O BNG propón enlazar Monforte coa liña de tren Avant que une Ourense e Santiago

Ana Pontón. Portavoz do BNG. Fonte:EP

Pontón expresa o seu apoio ao persoal do hospital de Monforte que irá á folga “de forma puntual” para protestar pola nova Lei de Saúde

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a formación frontista proporá formalmente que a liña de tren Avant que une Ourense e Santiago pase pola localidade luguesa de Monforte para conectar esta zona coa capital galega “nunha hora”.

Así o indicou en declaracións aos medios na visita que na mañá deste venres realizou unha representación do Grupo Parlamentario do BNG a Monforte de Lemos (Lugo) no marco da “rolda” que realizan polas distintas comarcas de Galicia enfocada a “sentir o que pasa no país” e “ser máis eficaces na tarefa de defender os intereses da cidadanía”.

Pontón indicou que a “axenda” do Bloque para Monforte está “marcada” por dous asuntos: a aposta por mellorar as liñas de ferrocarril como servizo para a cidadanía e para fomentar a economía da comarca; e a defensa da sanidade pública ante a integración da área sanitaria de Monforte na de Lugo como consecuencia da reestruturación que supón a posta en marcha da nova Lei galega de Saúde.

En canto ao ferrocarril, a delegación da formación nacionalista mantivo este venres un encontro con traballadores de Renfe e Adif na comarca, quen, segundo comentou Pontón, trasladáronlles “a preocupante situación que atravesa o ferrocarril en todo o interior de Lugo”.

Deste xeito, indicou que o BNG porá sobre a mesa “unha serie de iniciativas” para acabar con “unha situación discriminatoria”. “É un disparate que no pleno século XXI teñamos a mesma liña que en 1883”, comentou Pontón, antes de pedir que “a defensa do ferrocarril” figure na “axenda política”, especialmente no relativo á mellora das liñas das provincias de Lugo e Ourense.

LIÑA AVANT

Para iso, o BNG propuxo que se conecte con Monforte a liña Avant que cobre Ourense e Santiago, xa que existen as “condicións técnicas” para facelo e permitiría “ter un ferrocarril funcionando e dando servizo á cidadanía” da localidade do sur de Lugo, que estaría conectada “nunha hora” coa capital galega.

En palabras de Pontón, esta medida suporía “un paso adiante moi importante” pero non emendaría os problemas de “modernización” e conexión que sofren os habitantes das zonas do interior de Galicia.

“Cremos que é necesario mellorar e articular a comunicación por ferrocarril. É a tendencia que está a haber en todos os países da nosa contorna”, remarcou, para logo apuntar que, ademais de mellorar a mobilidade dos habitantes destas áreas, tamén suporía “oportunidades de crecemento económico”.

Nesta liña, sinalou que outra das medidas que propón o BNG é que se constrúa unha “conexión” por ferrocarril co porto seco de Monforte, o que “garantiría” que o parque “teña futuro máis aló dun polígono industrial”.

Así mesmo, apuntou que reclamarán a posta en marcha dun plan especial para a eliminación de “todos os pasos a nivel” da área urbana de Monforte, xa que presentan “un nivel de perigo importante” e incumpren a lei que restrinxe o paso de vehículos a 1.500 diarios, límite “que se supera até dez veces” nalguns casos.

SANIDADE

Doutra banda, Ana Pontón expresou o seu apoio e o do Bloque á “mobilización social moi importante” que se está a dar “en toda a comarca” de Monforte en protesta pola recentemente aprobada nova Lei galega de Saúde, que, entre outras medidas, establece a supresión das áreas sanitarias comarcais, que pasan a integrarse nas das principais cidades de Galicia.

Para a líder nacionalista, a resposta social en Monforte “está a deixar moi claro ao PP que non están de acordo coa privatización e o desmantelamento da sanidade pública” e asegurou que o BNG será “a voz desta reivindicación no Parlamento”.

“Defenderemos que se recupere a área sanitaria de Monforte, que se dote de máis medios a este hospital para acabar coas listas de espera e que se produza un incremento das especialidades”, aseverou.

A continuación, apoiou as xornadas de folgas “puntuais” convocadas polos traballadores sanitarios da área de Monforte, para logo incidir que o Bloque “non permitirá que haxa cidadáns de primeira e de segunda”.

“Baixo ningunha circunstancia imos calar ante o escándalo que se está dando na sanidade pública do país onde vemos como o goberno de Feijóo traballa para facer da sanidade un negocio para os seus amiguetes, privatizando e recortando no ámbito publico”, concluíu.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here