Cruz Vermella, “cada vez máis preto das persoas”

Coñecemos o labor asistencial desta organización e a importancia do traballo desinteresado de voluntarias e voluntarios que o fan posible da man do monfortino Manuel María, director de marca e comunicación na provincia de Lugo.

Manuel María, director de marca e comunicación de Cruz Vermella en Lugo / XdL

Manuel María López, con formación académica en xornalismo e traballo social, leva practicamente toda a súa vida laboral vinculado á Cruz Vermella. Dende hai 17 anos é o director de marca e comunicación en Lugo con competencias a nivel provincial na organización.

Quedamos para tomar un café con el e así coñecer o labor desta entidade, unha referencia de asistencia social no mundo, e que non sería o que é de non ter sempre voluntarias/os dispostos a ceder o seu tempo para axudar aos demais. Falando deste tema, Manuel María cóntanos que antes para ser voluntario/a tardábase uns seis meses porque había unha formación previa para coñecer a institución, os principios básicos de traballo, adquirir experiencia, etc. E claro, “moita xente quedábase polo camiño”, engade. Agora isto cambiou e a formación é progresiva, “sobre a marcha” e ademais dende hai pouco dispoñen dunha aplicación móbil –Voluntariado a tu medida– para que os/as interesados/as poidan colaborar cando queiran e na actividade que prefiran.

López tamén nos achega datos que impactan, como o dos 20.000 quilos de comida que se distribúen cada tres meses só en Monforte a xente necesitada. Fálanos dunhas 560 persoas en risco de vulnerabilidade social aínda sabendo que o peor da crise xa pasou. Fala dun aumento a nivel de Lugo no número de persoas que necesitan asistencia en alimentos e apunta que estes anos fixo subir as cifras a chegada de xente de fóra, Venezuela sobre todo.

Lembra tamén que na Cruz Vermella empezaron hai anos, os peores da crise, a pagar luz e calefacción en casos extremos porque “había familias que, ou comían ou se quentaban”. “A situación era crítica en moitas familias e axudabamos no que podíamos”, engade. E como non podía ser doutra maneira, co tempo xa foron as Administracións as que se encargaron desa asistencia social creando os “bonos sociais enerxéticos”.

“había familias que, ou comían ou se quentaban”

Nestes momentos están que “non dan feito” pola campaña de xoguetes pero xenerosamente dedícanos unha hora para comentar ao detalle.

Cales son as funcións máis importantes que desempeña hoxe en día a Cruz Vermella?

Cruz Vermella defínese dende a súa fundación como auxiliar dos poderes públicos e no seu lema de “cada vez máis preto das persoas” intentamos detectar e cubrir as necesidades das persoas onde a administración pública non chega. Na actualidade, e malia que nos vinculan con ambulancias, Cruz Vermella é unha moderna organización social que traballa con voluntariado como un dos seus piares básicos e en ámbitos como: Infancia/mocidade, educación para a saúde, prevención de condutas violentas, formación para o emprego, plans de emprego (mozas/os, maiores de 45 años, mulleres vítimas de violencia de xénero, persoas privadas de liberdade), familias de acollida, persoas sen fogar, plan de alimentos, campañas de xoguetes…

Non sodes ‘os das ambulancias’ pero ofrecedes ese servizo. 

Contamos con servizos preventivos terrestres e si, temos 4 ambulancias na provincia (2 en Lugo: unha de soporte vital básico e outra de soporte vital avanzado -medicalizada-, 1 en Vilalba de soporte vital básico, e 1 en Sarria de soporte vital básico) Todas elas conveniadas co 061. E tamén temos servizos preventivos acuáticos cunha embarcación de salvamento con base en Burela.

Na actualidade estamos cunha campaña de voluntariado a nivel nacional que se chama “voluntariado á túa medida”

Contades con moitos voluntarios/as no sur de Lugo? 

Os voluntarios/as nunca sobran, o normal é que as persoas formen parte do voluntariado de Cruz Vermella durante unha etapa da súa vida e por circunstancias -estudios, traballo, etc- deixen de colaborar. Pero pode darse que noutros momentos volvan. Na actualidade estamos cunha campaña de voluntariado a nivel nacional que se chama “voluntariado á túa medida” -#VoluntariadoATuMedida- que vén a ser que cada persoa pode colaborar cando o crea conveniente e na actividade que máis lle apeteza.

Manuel María López / XdL

Que tipos de traballos poden realizar estes voluntarios/as?

​Como dicía antes, os/as voluntarios/as son o piar fundamental de Cruz Vermella. Poden colaborar e traballar a diferentes niveis, están en todos os estamentos; desde o voluntario/a que participa unha hora á semana acompañando a unha persoaa maior, ata o voluntario/a que é presidente dunha asemblea local. Os órganos directivos están formados por voluntarios/as.

Detectades situacións de pobreza preocupantes nesta zona?

En Monforte concretamente Cruz Vermella distribúe cada tres meses aproximadamente uns 20.000 quilos de alimentos que chegan da UE.  E nestes últimos anos a cantidade non baixou, é mais, aumentou considerablemente. Estes alimentos repártense entre unhas 220 familias, ou o que é o mesmo, 560 persoas en risco de vulnerabilidade social.

“En Monforte concretamente Cruz Vermella distribúe cada tres meses aproximadamente uns 20.000 quilos de alimentos”

Dise que os galegos/as en moitas ocasións, aínda necesitando axuda, por vergoña e polo que dirán non acoden a organizacións humanitarias como a vosa. Que opinas?

É posible, pero coa crise soportada hai uns anos creo que esas barreiras perdéronse. Durante a crise económica que sufriu este país podemos dicir que moitas persoas que non eran usuarias dos servizos sociais tiveron que botar man deles.

Ao contrario da pregunta anterior, hai xente que se aproveita dos vosos servizos sen necesitalos?

Seguro que tamén os hai que se aproveitan das axudas sociais, por iso o labor de Cruz Vermella é poñer persoal convenientemente preparado -Traballadores Sociais e Educadores Sociais- para garantir que se aporta a documentación necesaria para que este tipo de persoas non pasen os filtros e baremos dos programas de atención a persoas vulnerables. Pero polo xeral prima a honestidade.

Unha voluntaria de Cruz Vermella. Foto: Manuel María

“polo xeral prima a honestidade”

Contades con recursos económicos para dar cobertura á demanda que tedes de xente con necesidades? 

En canto aos recursos económicos, financiámonos grazas ás achegas dos socios/as, á venda de loterías e, na nosa zona, subvencións por parte dalgunhas administracións locais, os concellos de Monforte e Sarria por exemplo.

Estades entrando tamén nas redes sociais para chegar á xente, cóntanos.

Nas redes sociais estamos desde xaneiro de 2011, cando se abriu a páxina de Facebook de Cruz Vermella Lugo para dar cobertura informativa a toda a provincia de Lugo. Desde hai un mes abríronse catro máis -Cruz Vermella A Mariña, Cruz Vermella Vilalba, Cruz Vermella Sarria e Cruz Vermella Monforte– Con esta presenza en redes buscamos estar, como di o noso lema, “cada vez máis preto das persoas” e que a acción de comunicar estea cada vez máis preto do territorio.

Con esta presenza en redes buscamos estar, como di o noso lema, “cada vez máis preto das persoas”

De cara a Nadal, que campañas e accións tedes programadas?

Este Nadal Cruz Vermella Monforte pon un ano máis en marcha a campaña de xoguetes que nesta ocasión chegará a uns 150 nenos/as de 0 a 12 anos e que, grazas a iniciativas como a do Colexio PP. Escolapios ou doazóns como a de Juguetería Pleximar e doutros particulares, podemos chegar a todos estes nenos/as. A campaña de xoguetes faise desde hai máis de 20 anos e cunha serie de premisas, que sexa xoguete novo, xoguete educativo, non sexista e non bélico.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here